Santi Valladares: “Imos a unha cancha moi complicada”
O adestrador do Santiago Futsal, Santi Valladares, compareceu esta mañá ante os medios para falar do partido deste venres na 7ª xornada da liga en Xaén fronte ao Jaén Paraíso Interior, e do rival da Copa do Rei, Magna Navarra.
O adestrador galego analizou ao seu rival deste venres “Xaén elaborou un persoal equilibrado con bos xogadores e con experiencia. Axustáronse moi pronto e están a facer as cousas francamente ben. O ano pasado xa eran un equipo moi complicado na casa e este ano seguen igual. Equipo dos menos goleados, dos máximos goleadores… Imos a unha cancha moi complicada”.
De cara á formulación do partido, o técnico do Santiago Futsal destacou que “o que a nós nos interesa é un partido no que eles teñan o balón. Eles son un equipo moi completo e teñen contras moi perigosas, que é o que non nos poden facer”.
En canto ao sorteo da Copa de S.M. o Rei que tivo lugar onte no que o rival ao que se medirá o Santiago Futsal na eliminatoria de oitavos será a Magna Navarra, Santi Valladares comentou que “Jota é un equipo de moita calidade, e a referencia que temos esta tempada é o primeiro partido de Liga no que nos meteron 4 goles. Pero o Santiago Futsal de agora non é o que se mediu a Jota naquel partido. Agora xogamos na casa, é unha eliminatoria atractiva ante un bo rival e o partido, a priori, non vai ter nada que ver con aquel”.
Para o encontro deste venres no Pavillón La Salobreja ás 21h fronte a Jaén Paraíso Interior, Santi Valladares non poderá contar con Kristijan Postruzin “Kike” que se atopa coa selección croata sub-21, nin con Lucas Bolo, que disputará a Copa Continental en Kuwait coa selección arxentina. Ademais da baixa de Lucho, que segue co proceso de recuperación da lesión de xeonllo. Pola contra, si que viaxará o capitán e internacional Diego Quintela, que regresa ao equipo tras un mes fóra da pista.











