San Sadurniño comeza o proceso para elixir ao novo titular do Xulgado de Paz
En todos os municipios onde non hai un xulgado de primeira instancia e instrución, como é o caso de San Sadurniño, existe un Xulgado de Paz. Calquera veciño ou veciña pode aspirar a ocupar o posto de titular do xulgado. Só ha de ter nacionalidade española, ser maior de idade, reunir os requisitos establecidos na Lei Orgánica do Poder Xudicial para o ingreso na carreira xudicial, agás o da titulación en Dereito, e non ter causa de incapacidade ou incompatibilidade para desempeñar funcións xudiciais. Quen teña interese pode presentar a súa solicitude no Concello ata dentro de quince días.
A duración deste exercicio é de 4 anos, e agora toca facer a remuda en San Sadurniño. Será o pleno municipal quen elixa por maioría absoluta o próximo xuíz ou xuíza de paz entre as persoas que presenten a súa candidatura.
A solicitude para participar no proceso hai que facela cunha instancia dirixida á Alcaldía facendo constar os méritos que se aleguen, así como unha fotocopia autenticada do DNI ou pasaporte e a xustificación documental dos méritos alegados.
A convocatoria está publicada no Boletín Oficial da Provincia do 20 de outubro, onde se marca un prazo de 15 días para achegar a documentación.
Segundo o Consello Xeral do Poder xudicial, o Xulgado de Paz é un “órgano unipersoal” situado nos municipios onde non haxa xulgados de Primeira instancia e Instrución. Outra característica é que asumen competencias de menor relevancia tanto na orde civil como na penal. Así, o xuíz ou xuíza de Paz pode dirimir conflitos entre partes cando se trate de reclamacións inferiores a 90 euros e incluso impartir xustiza no caso das faltas tipificadas nos artigos 620, 626, 630, 632 e 633 do Código Penal. Ademais tamén teñen delegadas as funcións do Rexistro Civil.











