San Sadurniño amplía o prazo de inscrición no obradoiro de emprendemento ata o venres
San Sadurniño acollerá o próximo 6 de novembro un obradoiro destinado á mocidade sobre blogs e micromecenado. Dúas ferramentas dispoñibles na rede a través das que se poden apoiar proxectos empresariais, lúdicos ou culturais. As inscricións poderán facerse ata o 31 de outubro na Oficina de orientación laboral, despois de que o Concello ampliase o prazo inicial de solicitude.
O curso impartirase na aula CeMIT entre as 10 e as 12 da mañá. A iniciativa promóvea a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado e con ela búscase facilitar formación sobre o uso dos blogs como referente informativo de calquera proxecto que se queira levar á práctica, pero tamén sobre como obter finanzamento empregando a fórmula do micromecenado na rede, máis coñecido comocrowdfunding.
Na sesión daranse as claves do éxito dunha bitácora dixital, o decálogo que debe cumprir calquerablogger e de que maneira se pode aproveitar esta ferramenta para emprender. Tamén se falará das distintas plataformas existentes para conseguir cartos para un proxecto determinado. A fórmula do crowdfunding permite vender ideas e produtos de todo tipo na fase de creación. É algo semellante a un crédito para o emprendemento só que en vez de pedirllo a un banco ou á administración é a comunidade de internautas quen pon os cartos necesarios con pequenas achegas.
O mecenado non é algo novo, pero internet facilita moito as cousas. Podemos ter unha idea e obter cartos para facela realidade empregando as redes sociais ou mesmo plataformas específicas, como Goteo, Lánzanos ou Verkami. Esta última empregárona non hai moito Os Cempés e tamén o grupo Sandford Music Factory para contribuír na produción do seu terceiro traballo.
No obradoiro de emprendemento na rede do programa Activa 2014 poderán participar mozos e mozas menores de 30 anos e entregarase un certificado de participación. Fará falla xuntar un grupo mínimo de 10 persoas e para iso cómpre chamar antes deste venres, 31 de outubro, á Oficina de orientación laboral no 981 490 027 (extesión 2)











