publicidade hoxe

Samuel Juárez trasládase a Baralla para avaliar os danos producidos pola explosión

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBaralla
A-
A+
Europa Press

O delegado do Goberno en Galicia, Samuel Juárez, acompañado polo subdelegado en Lugo, Ramón Carballo Páez, trasládanse ao municipio lucense de Baralla para avaliar os danos producidos pola explosión acontecida esta madrugada na Casa Consistorial deste municipio, que causou importantes danos materiais, pero non provocou vítimas persoais.

Segundo informaron fontes da investigación, ata Baralla tamén se desprazan efectivos dos Tedax da Coruña, para recoller mostras no lugar da explosión que axuden a determinar a composición do artefacto, que tamén provocou danos en vivendas e locais próximos á Casa Consistorial debido á onda expansiva.

A explosión rexistrouse ás 4.40 horas desta madrugada e todas as hipóteses están abertas. O alcalde de Baralla, Manuel González Capón, do PP, protagonizou polémicas por declaracións relacionadas co franquismo, como afirmar que “os que foron condenados a morte” durante o réxime de Franco “sería porque o merecían”, durante un pleno municipal celebrado en 2013 no que se condenaron os actos de Resistencia Galega.

Precisamente, o rexedor do municipio lucense de Baralla sostivo que a explosión rexistrada esta madrugada na casa consistorial foi “evidentemente” intencionada, posto que “tivo lugar na entrada, pola parte de dentro”.

1 de outubro de 2014 | 10:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.