Robertas Geralavicius foi o único Ximnástico entre os 10 primeiros da carreira popular de Santiago
Preto de 4.000 corredores, tomaron a saída na tradicional carreira popular de Santiago de Compostela, nunha mañá agradable que animou moito aos atletas participantes.
Unha vez máis a Sociedade Ximnástica non faltou á cita e aínda que non obtivo uns brillantes resultados, como en pasadas edicións, hai que destacar o quinto posto de Robertas Geralavicius, despois de gañar a semana pasada o Medio Maratón de Pontevedra.
Moi preto dos dez primeiros estivo Rubén Diz, que entrou en meta no posto undécimo.
Javier Paredes impúxose na carreira da Carballeira
O barrio ourensán da Carballeira, organizou o domingo a última carreira do Circuíto de carreiras populares do Concello de Ourense, con vitoria do atleta da Sociedade Ximnástica, Javier Paredes.
Con este triunfo Javi asegúrase a vitoria no circuíto que dominou de punta a cabo, con 4 vitorias nas seis carreiras celebradas.
Con esta competición a Sociedade Ximnástica dá por terminada oficialmente a tempada, cun balance moi positivo. A partir do 1 de novembro dará comezo outro curso atlético, o que será o número 88 para a veterana Sociedade.











