Rey Varela inaugura a exposición “Historia de Galicia a través da Filatelia e a Numismática”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+
Rey Varela na inauguración da mostra

Rey Varela na inauguración da mostra

O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, inaugurou esta mañá a exposición “Historia de Galicia a través da Filatelia e a Numismática” no Centro Cultural Torrente Ballester, organizada polo Círculo Filatélico Ferrol. Jose Manuel Rey estivo acompañado polo concelleiro de Cultura, Manuel-Reyes García Hurtado.

Preto de 2.000 selos e 100 pezas monetarias integran esta exposición dedicada ao coñecemento da historia de Galicia a través da filatelia e da numismática. Entre o material filatélico destaca a primeira serie emitida en España e o selo máis raro emitido no Segundo Centenario do selo, do que se fixeron 3.000 exemplares e poucos se conservan. As pezas numismáticas tamén inclúen cinco exemplares galegos e inéditos. Tamén se atopan moedas que teñen relación coa cidade naval como a que se acuñou con motivo da botadura do acorazado España (1912) e outras coas efixies de Carlos III e Isabel II.

Esta exposición de iniciación á filatelia temática ilustrada e á historia da moeda amosa dun xeito atractivo e lúdico a historia nacional ou rexional a través das figuras de personaxes ilustres, monumentos, pinturas, flora, fauna, historia postal. Tamén permite coñecer a historia política, militar e relixiosa ou da xeografía e as súas diferentes culturas, a través da epigrafía e paleografía. Así, alumnos e alumnas dos centros escolares da cidade poderán realizar visitas guiadas a esta mostra de filatelia e numismática.

21 de outubro de 2014 | 19:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.