Rey Varela explica aos veciños de Santa Mariña o proxecto do novo paso sobre a vía do tren

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, visitou hoxe Santa Mariña onde se reuniu cos representantes da asociación de veciños co obxectivo de explicarlles a proposta que permitirá unha nova conexión viaria entre este barrio e o Ensanche A, así como as actuacións de mantemento e mellora desenvolvidas en Santa Mariña ao abeiro da cuarta fase do Plan de Barrios. Jose Manuel Rey, que estivo acompañado pola edil de barrio Verónica Casal Míguez e do concelleiro de Medio Ambiente e Servizos, Borja Carro, informou aos representantes da entidade veciñal do proxecto que o Goberno Municipal realizará de maneira conxunto co Ministerio de Fomento e que permitirá salvar a vía do tren que hoxe actúa como barreira entre Santa Mariña e o Ensanche A.

Esta actuación, recollida no proxecto de cidade Ferrol2020 de Jose Manuel Rey, está en proceso de licitación para a contratación da redacción do proxecto de execución por un montante de 72.479 euros e un prazo de execución de dous meses. Neste senso, o primeiro edil da cidade puntualizou que unha vez se adxudique a redacción do proxecto será explicado aos veciños do barrio co obxectivo de acadar un maior consenso e incorporar á proposta definitiva aquelas suxestións que sexan técnica e economicamente viables. A intervención responde a unha demanda histórica dos veciños de Santa Mariña e comprende a demolición da actual pasarela e a construción dun novo paso que permitirá o tránsito de peóns e a circulación ao tráfico rodado. Esta nova conexión viaria entre Santa Mariña e o Ensanche A estará situada preto da rúa Seselle e a rúa Loureiro. Os Presupostos Xerais do Estado de 2015 teñen consignada unha partida de 1,2 millóns de euros para a execución destas obras que permitirán mellorar a conexión entre barrios e a seguridade na zona do paso sobre a vía do tren.

Plan de Barrios

En canto ás tarefas de mellora e mantemento acometidas no barrio de Santa Mariña polos servizos municipais e empresas que traballan para o Concello, Jose Manuel Rey sinalou que están finalizados os traballos de aglomerado na rúa Porta de Neira e o Camiño do Tiro, e que continúan as tarefas no firme de Casal dos Ovos. Así, o alcalde de Ferrol tamén resumiu outras das actuacións levadas a cabo en Santa Mariña ao abeiro da cuarta fase do Plan de Barrios. Estas son:

– Roce e chapeo en todo o barrio, con especial atención aos arredores dos depósitos de auga, parque Fontenova e paseos do acceso norte.

– Limpeza de contedores e papeleiras así como a colocación dun contedor de papel e cartón na estrada de Santa Mariña.

– Pintado e sinalización de praza de aparcamento para minusválidos nas inmediacións do local da asociación veciñal así como do Camiño do Tiro e Casal dos Ovos.

– Reparación dun cadro de contadores roto.

– Actuacións de mantemento correctivo e preventivo en todo o barrio así como o control de calidade do servizo de augas.

– Un total de 12.309 metros cadrados de mantemento en zonas verdes e tamén a limpeza dos alcorques. Ademais de traballos de arbolado e arbustería nos parques do barrio e a zona da igrexa.

– Revisión de funcionamento e estados dos xogos nos parques infantís e biosaudables de Santa Mariña.

31 de outubro de 2014 | 19:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.