Rematan os cursos de formación para 17 bolseiros do proxecto Acore II

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+
Francisco Mourelo na visita aos participantes

Francisco Mourelo na visita aos participantes

O concelleiro de Educación, Deportes e Mocidade, Francisco Mourelo, visitou esta mañá aos 17 titulados en Formación Profesional que finalizan esta semana o curso intensivo de preparación lingüística e cultural, previo ás prácticas de 6 meses que realizarán, a partir do próximo 14 de novembro e até o mes de abril, en empresas de Reino Unido, Austria e Italia, dentro do programa educativo municipal Bolsas Europa FP – Proxecto Acore II, organizado polo Concello da Coruña, en colaboración coa Deputación e o Organismo Autónomo de Programas Educativos Europeos (OAPEE), pertencente ao Ministerio de Educación.

En concreto, os 17 mozos realizarán as súas prácticas en empresas de Porstmouth (4 bolseiros), Viena (6) e Florencia (7) que teñan relación directa coa súa especialización formativa: Axencia de Viaxes e Xestión de Eventos (1), Comercio Internacional (7), Dirección e Servizos de Restauración (3), Secretariado (1), Guía, Información e Asistencia Turística (5).

Os cursos intensivos de inglés, italiano e alemán impartíronse no centro cívico de San Diego e orientáronse especialmente cara á cultura dos países receptores e cara á práctica oral adaptada ás especialidades formativas destes 17 técnicos superiores. En concreto a formación levou a cabo durante os meses de setembro e outubro, cunha duración de 80 horas.

O programa Bolsas Europa FP – Proxecto Acore II ofertou na súa segunda edición 30 bolsas. Os 13 primeiros bolseiros xa iniciaron a súa estancia profesional de 6 meses en Europa o 9 de maio e regresan o próximo 25 de outubro. A valoración deste programa por parte dos seus participantes foi de 8,7 sobre 10 e á maioría gustaríalle repetir por máis tempo.

A segunda edición do programa está financiada con 175.544 euros, dos que 132.029 son achegados polo OAPEE, 28.515 polo Concello e 15.000 pola Deputación.

Bolsas Europa FP – Proxecto Acore III

Por outra banda, dentro da terceira edición do programa, hai ofertadas 50 bolsas das que xa se concederon as primeiras 18 a mozos titulados en ciclos de Grao Medio impartidos na cidade. Estes mozos están a recibir un curso de idiomas intensivo de 100 horas en función do seu destino e cando conclúa iniciarán a súa estancia profesional en Belfast (Reino Unido), Cork (Irlanda), Florencia (Italia) e Bordeus (Francia).

En total, desde a súa posta en marcha no curso 2012/13, son 85 os mozos profesionais, titulados en FP de Grao Medio e Superior, que pasa por unha experiencia profesional europea de longa duración dentro do programa municipal Bolsas Europa FP.

14 de outubro de 2014 | 13:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.