Realízanse obras de conservación no río Sar para evitar asolagamentos na zona da colexiata

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas está a executar obras de conservación no río Sar, ao seu paso por Santiago de Compostela, co fin de mitigar asolagamentos na zona da colexiata. O director de Augas de Galicia, Gonzalo Mosqueira, acompañado polo alcalde de Santiago, Agustín Hernández, supervisou esta mañá estas obras de conservación fluvial nesta zona.

Os traballos están enmarcados no programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público das bacías de Galicia-Costa e Das súas zonas de acceso e protección que a Xunta de Galicia está a desenvolver nos concellos galegos.

Augas de Galicia realiza un investimento económico de preto de 30.000 euros para a execución deste proxecto de mellora do citado río, na parroquia compostelá de Sar.

Un treito de preto de 115 metros de río será obxecto deste tipo de actuacións co fin de conservar o bo estado ecolóxico do leito e a súa contorna, evitando así inundacións na zona da colexiata.

As tarefas a realizar consisten na limpeza, conservación e mantemento de leitos, marxes, zonas de servidume de paso e pistas de acceso ao río, de xeito que se facilite o discorrer das augas, así como o mantemento das condicións naturais do ecosistema. Grazas a este servizo potenciaranse os aspectos ambientais e estéticos do entorno fluvial e favorecerase o seu uso social.

Este proxecto hidráulico divide as súas accións en dúas zonas: augas arriba da ponte do Sar e augas abaixo da mesma infraestrutura. No treito de augas arriba da ponte, a Xunta realizará rozas manuais e retirada de sedimentos (mecanizada no leito e manual nas zonas pavimentadas. No tramo de augas abaixo da ponte, os técnicos levarán a cabo a roza manual da senda peonil paralela aos muros da colexiata e dos noiros das súas marxes, así como a eliminación de sedimentos do río. Nesta última área, tamén se executará a substitución do muro de cachotaría derrubado por un tabique de madeira.

Augas de Galicia leva a cabo actuacións de conservación fluvial ao longo de todo o territorio de Galicia Costa. Así, no que vai de ano, tense actuado nuns 60.000 m de lonxitude de ríos de toda Galicia-Costa, en 32 intervencións, cun investimento de preto de 600.000 euros, no marco duns contratos que, en total, suman case 2,5 millóns de euros destinados á conservación, mellora e mantemento de todos os ríos da bacía Galicia- Costa. No caso de Santiago de Compostela, as actuacións de conservación fluvial desenvolvidas nos últimos 4 anos supuxeron un investimento de preto de 300.000 euros, repartidos en 15 actuacións.

Canle en Padrón

Por outra parte, o director de Augas de Galicia, Gonzalo Mosqueira, tamén adiantou esta mañá que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas vén de asinar o contrato para a execución das obras de acondicionamento da canle de derivación do río Sar, en Padrón. Esta obra hidráulica foi adxudicada por case 270.000 euros á empresa Servitec Medio Ambiente, polo que este mesmo ano se procederá ao inicio das mesmas.

O director de Augas de Galicia xustificou “a necesidade desta actuación, xa que a poboación de Padrón é susceptible de sufrir inundacións como consecuencia das eventuais crecidas do río Sar ao seu paso polo centro urbano”. Para evitar estas enchentes construíuse no ano 1993 unha canle artificial que leva o exceso do caudal ao río Ulla, pero co paso dos anos o depósito de sedimentos minguou a capacidade inicial de evacuación das augas do río Sar ao Ulla.

27 de outubro de 2014 | 14:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.