Raquel Arias anima a captar turismo no mercado exterior na presentación de Regala Ribeira Sacra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+

A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, animou hoxe a captar turismo no mercado estranxeiro dado que é unha das apostas que mellores resultados está dando nos últimos anos. Así, subliñou que “nos últimos cinco anos duplicouse a cifra de viaxeiros que elixen Lugo e as pernoctacións creceron nun 46%”.

Arias realizou estas declaracións no marco da presentación dun novo produto turístico, Regala Ribeira Sacra, que pon en marcha o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra coa colaboración da Xunta de Galicia, a través de Turismo de Galicia. Trátase de paquetes turísticos que concentran o mellor desta zona do sur de Lugo e do norte de Ourense en seis produtos: a viticultura, o tempo, o Camiño, o rural, o románico e o encoro. No acto participaron tamén o presidente do consorcio, Juan Carlos Armesto, e a xerente do ente, Alexandra Seara.

A delegada considera que “este é o tipo de iniciativa que pode atraer aos turistas que viaxan de maneira desestacionalizada e buscan fundamentalmente experiencias, un perfil que reúnen moitos viaxeiros dos mercados estranxeiros con potencial de desenvolvemento”.

Neste sentido, aludiu a varios estudos sobre o sector que sinalan que máis da metade dos viaxeiros buscan experiencias como relaxarse, descubrir, divertirse, aprender e reunirse, fronte ao resto que se denominan turistas sociais que unicamente perseguen compartir tempo en familia.

Raquel Arias aludiu aos importantes logros que se están a colleitar grazas á colaboración do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra e a Xunta, a través de Turismo de Galicia. “Esta iniciativa –apuntou- vense a sumar a outras como o Viñobus, que esta fin de semana, con vendímia incluída, foi outro éxito; ou os concertos de outono que comezaron esta pasada fin de semana en Monforte e que terán continuidade o próximo domingo en Castro Caldelas”.

Por outra parte, a delegada lembrou que Turismo de Galicia ten en marcha a oitava edición dos Outonos Gastronómicos, nas que participan 31 establecementos da provincia (11 deles da zona sur), e a pasada fin de semana rematou a campaña dos Trens Turísticos impulsada pola Xunta, o Inorde e Renfe. O tren turístico Ribeira Sacra fixo tódolos percorridos ofertados coas prazas ao 100% de ocupación, amosando con elo o éxito desta iniciativa.

1 de outubro de 2014 | 19:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.