Rafa Luz: “No Rio Natura non nos esquecemos do noso obxectivo e estamos preparados para mantelo”
O base do Rio Natura Monbus Obradoiro, Rafa Luz, foi no partido contra o Herbalife Gran Canaria un dos máis destacados a pesar da derrota, con 11 puntos e 2 rebotes (14 de valoración). Recentemente recuperado da rotura da fascia plantar do pé dereito sufrida durante a Copa Galicia, Luz afirma sentirse ben sobre o parqué. “Aínda me queda coller confianza para facer movementos, principalmente os cambios de ritmo, pero en xeral sentinme cómodo este domingo”, afirma.
O director non dubida en facer valoración do sucedido ante os de Aíto García Reneses: “Creo que a primeira parte foi decisiva. Non defendemos ben e eles foron moito máis agresivos en ataque, cazando rebotes, e en defensa. Iso unido á diferenza de acerto en tiro, deulles o partido”, recoñece. Aínda que agora mesmo, o que máis lle preocupa é centrarse xa en adestrar toda a semana de cara ao encontro contra o Gipuzkoa Basket (domingo 19, 12:15 horas). É rotundo ao confesar que o afrontaremos con moitas ganas para cambiar a imaxe que demos neste último partido. Queremos seguir coa boa dinámica e iso pasa por xogar ben cada partido. Eles virán tamén moi motivados para conseguir a súa primeira vitoria, así que non nolo porán fácil”.
Ademais, di que o vestiario ao completo encarará a semana “con máis motivación se cabe para non cometer os mesmos erros”. “Non podemos facer valoracións completas tras só dous partidos. Este foi o primeiro fóra de casa e contra o que é posiblemente un dos maiores equipos da liga Endesa. Non nos esquecemos do noso obxectivo e estamos preparados para mantelo esta tempada”,concluíu.











