Publícanse as listas actualizadas para as substitucións no Servizo de Axuda no Fogar de San Sadurniño
Para entrar formar parte da lista de agarda de contratacións do SAF é necesario presentar unha solicitude antes dos días 5 dos meses de febreiro, xuño e outubro. Esta convocatoria é continua desde o ano 2011 e o Concello revisa as listas cada catro meses incorporando as novas solicitudes ou modificando as puntuacións de quen xa está na lista en base a cursos ou á experiencia laboral que vaia adquirindo. Este martes publicouse a actualización correspondente ao mes de outubro deste ano.
Na quenda de outubro non se presentou ningunha solicitude para novas incorporacións á lista. O que si houbo foron dúas peticións de actualización de méritos presentadas por persoas que xa forman parte dela. A comisión reuniuse este martes 28 de outubro a partir das 9 da mañá para valorar as solicitudes. O resultado xa está publicado no tablón de anuncios e pode consultarse nas ligazóns que hai ao pé desta información, incluída a lista coas puntuacións actualizadas.
O Concello mantén aberta durante todo o ano a lista de contratación para o servizo de axuda do fogar da que se bota man no caso de que se produzan baixas laborais neste departamento, no que actualmente traballan 17 auxiliares. Desta maneira, calquera persoa que reuna os requisitos pode presentar a súa instancia para entrar formar parte dela. A comisión de selección xúntase tres veces no ano -en febreiro, xuño e outubro- para avaliar os méritos. As bases da convocatoria publicadas hai tres anos indican que o 5 de febreiro, o 5 de xuño e o 5 de outubro son as datas límite para presentar as instancias e poder entrar na lista a partir do cuadrimestre que corresponda. Ademais, nesas datas tamén poden solicitar a actualización dos seus méritos aquelas persoas que xa estean na lista.











