Publicada a aprobación do proxecto de expropiación dos terreos afectados pola ampliación da depuradora do Formigueiro
O Boletín Oficial de Provincial (BOP) da Coruña publica hoxe a aprobación inicial do proxecto de expropiación dos terreos afectados pola ampliación da estación depuradora de augas residuais (EDAR) de O Formigueiro, unha das actuacións que contempla o Plan especial do sistema xeral de infraestruturas de servizos (SXIS) de saneamento e abastecemento de auga.
O anuncio sairá publicado nos próximos días no Diario Oficial de Galicia (DOG), momento no que se iniciará o período de exposición pública polo prazo dun mes antes de elevar a definitiva a aprobación do proxecto. Posteriormente abrirase o período de alegacións ao xustiprezo por parte dos propietarios e, a continuación, finalizarase o procedemento fixando a data do pagamento.
Así serán os trámites que se desenvolverán para posibilitar a adquisición dos terreos e a súa dispoñibilidade para albergar a futura ampliación da depuradora de O Formigueiro, que é a principal do municipio e recibe a carga tanto dos cascos urbanos da Laracha e de Paiosaco como de numerosos núcleos rurais aos que se dotou co servizo de alcantarillado durante os últimos anos.
Neste procedemento o Concello da Laracha investirá máis de trinta e catro mil euros –procedentes integramente de fondos propios municipais- na compra de dúas parcelas que suman en total preto de nove mil metros cadrados de superficie.











