‘Primeiras Miradas’ exponse en Verín

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVerín
A-
A+

Do 23 de outubro ao 07 de novembro, a Sala de Exposicións de Verín acollerá a mostra ‘Primeiras Miradas’, que presenta obras do alumnado dos cursos de fotografía realizados pola Cámara de Comercio e Industria de Ourense na súa sede de Verín, coa colaboración do Concello de Verín.

Unha exposición está conformada por un total de 28 obras de sete alumnos/as e dous profesores (Carlos Montero e Anxos Borjas), que aportan un mínimo de dúas obras e un máximo de catro cada un/unha. As mesmas xiran sobre o paisaxismo e o retrato de cigarróns (a figura máis representativa do Entroido de Verín). A inauguración de ‘Primeiras Miradas’ terá lugar mañá xoves, ás 19.30 horas, por parte da concelleira María Corona Meixeira; e a exposición poderá visitarse de luns a sábado en horarios comprendidos entre as 10 e ás 14 e das 17 ás 19.30 horas.

Por outra banda, tamén a Cámara de Comercio e Industria de Ourense (sede de Verín) coa colaboración do Concello de Verín desenvolverá do 03 de novembro ao 04 de decembro, o ‘Curso de fotografía e retoque dixital básico’. Terá lugar de luns a xoves de 20 a 22 horas. Un total de 40 horas nas que se impartirán cuestións referentes á cámara fotográfica, obxectivos, sensores e sensibilidade, medición da luz, enfoque, encadre dunha foto, retrato e reportaxe social, fotografía nocturna e de larga exposición, fotografía de natureza e aproximación (macrofotografía) e accesorios fotográficos. Ademais, os/as alumnos/as tamén recibirán formación de retoque dixital, como fundamentos da imaxe dixital, espazo de traballo, revelado dixital, edición básica de imaxes, traballar con capas e métodos de exportación de arquivos. Máis información e inscrición na oficina da Antena Local de Verín (1º piso da casa consistorial, antenaverin@camaraourense.com ou 988-410000).

22 de outubro de 2014 | 13:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.