Preséntase ‘A Coruña, cidade da música’, unha recompilación de 180 grupos e solistas locais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal Portada
A-
A+
Presentación da publicación

Presentación da publicación

O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, presentou esta mañá a publicación A Coruña, cidade da música, un directorio que recompila información dos músicos locais, atendendo, así, a unha demanda que desde hai anos vén facendo o sector tanto para facilitar a súa contratación, como para situar A Coruña como Cidade da música: “Con este libro queremos mostrar a riqueza musical da cidade e descubrir o traballo de moitas persoas que se dedican á música e mostralo a todos os profesionais, desde programadores musicais a produtoras ou salas de concertos”, sinalou o alcalde.

Neste sentido, a guía está concibida como unha ferramenta para que artistas e grupos poidan darse a coñecer, pero tamén para alcanzar un recoñecemento público internacional: “Todos os grupos e solistas forman parte da nosa historia común; A Coruña é música e queremos alcanzar un recoñecemento internacional. Niso estamos a traballar, para que a UNESCO valore a excelencia musical da Coruña, un recoñecemento que a cidade merece”.

O libro, de 399 páxinas, inclúe 178 proxectos, subdivididos en 12 capítulos musicais ordenados alfabeticamente: clásicos; folk; jazz, swing e blues; rock; pop; solistas; metal; electrónica; tributo – versións; popular; outras músicas (soul, rap, country, punk, funk, ska e infantil); e incubadora. En total, distribuiranse, de forma gratuíta, 2.050 exemplares que se entregarán tanto aos músicos e grupos da guía, como a programadores nacionais e internacionais, organismos públicos e privados, a produtoras musicais, e a salas de concerto galegas e nacionais.

Tal e como avanzou o alcalde, a pretensión é que esta guía actualice anualmente a súa versión dixital: “Esta guía é o inicio de algo máis porque son todos os que están, pero non están todos os que son. Faltan artistas que se poderán ir incorporando porque queremos que sexa algo vivo, sobre todo, a través da versión dixital”.

Carlos Negreira terminou felicitando a todas as persoas que fixeron posible que este libro sexa unha realidade: “O verdadeiro heroísmo destes tempos é converter os soños en realidade e eles conseguírono”, concluíu.

30 de outubro de 2014 | 16:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.