Ponte Caldelas retoma as clases de canto coral, guitarra e piano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonte Caldelas
A-
A+

O Concello de Ponte Caldelas renova a súa oferta en ensino musical coa continuación das clases de guitarra, piano e canto coral xestionadas pola Coral Valdarrosa, entidade sen ánimo de lucro, e que se iniciaron o pasado ano. Os interesados en asistir a estes cursos poderán inscribirse en calquera momento no Consistorio e as clases comezarán a partir do próximo luns 6 de outubro.

Para asistir ás clases de canto coral establécese un mínimo de idade de 14 anos e levará a cabo coincidindo cos ensaios da propia Coral Valdarrosa. Terá carácter gratuíto xa que se pretende que a asociación poida ir incorporando novos membros que aseguren o futuro e sustentabilidade dunha asociación que acaba de cumprir 20 anos de funcionamento ininterrompido e que se converteu nun auténtico referente dentro da actividade musical do municipio.

En canto aos que desexen asistir ás clases de guitarra, o mínimo de idade será do mínimo de idade será de 8 anos cumpridos no momento de formalizar a solicitude. Terá un custo de 15 euros ao mes incluíndo as clases dunha hora semanal. O instrumento deberá de ser achegado polo alumno. Establécese un mínimo de 5 e un máximo de 10 participantes por grupo.

Polo que respecta ás clases de piano, o mínimo de idade será de 8 anos cumpridos no momento de formalizar a solicitude. Terá un custo de 15 euros ao mes incluíndo as clases dunha hora semanal. A propia organización disporá de pianos para que de maneira inicial os alumnos poidan ir levando a cabo as sesións formativas. Establécese un mínimo de 5 e un máximo de 10 participantes por grupo.

O Concello de Ponte Caldelas co fin de facilitar o acceso a este tipo de actividades a aquelas familias numerosas establece unha serie de bonificacións no prezo por asistencia ás clases, segundo o número de membros que desexen asistir ás mesmas. Así dous membros da mesma familia pagarán en total 25 euros ao mes por actividade, 3 membros, 30 euros e catro, 35 euros.

Na páxina web do Concello, www.pontecaldelas.org, os interesados poderán ter acceso á información completa do proceso.

Perfecto Rodríguez, alcalde de Ponte Caldelas, manifestou a súa satisfacción ao renovar este acordo coa Coral Valdarrosa, coa que o Concello veu colaborando desde a súa fundación, xa que grazas ao mesmo continúase con estas actividades de tipo formativo a un prezo moi especial e que se espera vólvanse a cubrir todas as prazas dispoñibles. Do mesmo xeito valora moi positivamente o obxectivo de dar continuidade á Coral Valdarrosa de Ponte Caldelas coa incorporación de novos compoñentes que poidan saír formados destas actividades.

1 de outubro de 2014 | 19:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.