publicidade hoxe

Ponte Caldelas e Coempo reparten máis de 100 quilos de castañas asadas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonte Caldelas
A-
A+
Reparto de castañas

Reparto de castañas

O Concello de Ponte Caldelas e a asociación de empresarios e comerciantes COEMPO repartiron máis dun centenar de quilos de castañas asadas entre os viandantes que se achegaron á vila para facer as súas compras. Esta iniciativa, que tivo unha boa acollida por comerciantes e público en xeral, pretende dinamizar o comercio local repartindo gratuitamente un produto típico desta tempada.

A castañera situouse á primeira hora na Plazuela do Bispo onde recibiu a visita de numerosos transeúntes e nenos que non tiveron que asistir a clase por ser festivo escolar. Entre os numerosos cidadáns que se achegaron ata a vella máquina de asar castañas atopouse o propio alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, quen destacou o grao de participación popular nesta iniciativa desenvolvida pola Asociación de Comerciantes, COEMPO, e o propio Concello para dinamizar o comercio local nesta época.

Unha vez que as badaladas do reloxo do Centro Cultural de Ponte Caldelas anunciaron as doce e media do mediodía, despacháronse as últimas castañas asadas na Plazuela do Bispo e a locomotora iniciou a marcha cara á Praza de Cotobade onde permaneceu ata máis aló das 14 horas.

Pola tarde, a máquina de asado tradicional con aspecto de antiga locomotora do tren desprazouse ata o parque infantil permanecendo nas inmediacións da Avenida de Vigo até as 18:30 horas que arrincou rumbo á Plazuela do Bispo onde estivo por espazo de dúas horas máis.

Esta iniciativa, que se pon en marcha por vez primeira este ano, enmárcase dentro das accións de colaboración entre o Concello de Ponte Caldelas e a asociación de empresarios e comerciantes COEMPO coa intención de dinamizar a actividade comercial á vez que se promociona este municipio como un lugar atractivo para poder pasear e realizar as súas compras. En función do resultado, os comerciantes e o Concello de Ponte Caldelas valolarán se repiten novamente esta experiencia.

31 de outubro de 2014 | 19:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.