publicidade hoxe

Pintura, literatura, teatro, poesía, música e magosto no Outono Cultural de Brión

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBrión
A-
A+

O Concello de Brión vén de rematar a programación do seu “Outono Cultural”, que inclúe unha ducia de actividades lúdico-culturais de acceso libre e totalmente de balde para os veciños e veciñas de Brión. Unhas propostas que combinan arte, literatura, teatro e música, sen esquecer a celebración do tradicional Magosto, unha das festas populares máis característica destas datas que terá lugar o venres 28 de decembro.

A programación abrirase este venres 31 de outubro, ás 20.30 horas, cunha dobre actividade: a inauguración da exposición colectiva da Asociación Galega de Arte e Cultura e a presentación da novela “Soñadores sin porvenir”, de Constantino Cuesta. Será na sala de exposicións de Brión a partir das 20.30 horas. A mostra poderá visitarse ata o 10 de novembro.

Novembro

Co mes de novembro chega o teatro ao Outono Cultural de Brión, no que participarán un total de tres compañías profesionais e unha compañía de teatro afeccionado que encherán de cultura o centro social polivalente de Pedrouzos os sábados pola noite. O primeiro en actuar será o coñecido dúo Mofa e Befa, que o sábado 8 de novembro presenta “Shakespeare para ignorantes”, a partir das 20:30 horas.

Unha semana despois, o sábado 15 de novembro, ás 21:00 horas, será a quenda e Teatro de Cámara DITEA, que representarán “Animaliños”, de Roberto Vidal Bolaño. E o sábado 22 de novembro máis teatro profesional con Teatro do Morcego, que porán en escena a obra “Misterio Cómico” a partir das 20:30 horas.

A programación do “Outono Cultural” para o mes de novembro complétase cunha exposición de Anselmo Lamela, que poderá visitarse entre o 21 de novembro e o 12 de decembro na sala de exposicións de Brión, e co tradicional Magosto na Carballeira, que este ano terá lugar o venres 28, dende as 19:00 horas, e contará coa actuación da charanga tradicional “Vai de Roda”.

Decembro

Para o mes do Nadal, Eva Veiga e o Grupo Ouriol presentarán o recital de poesía “Vagalumes no vento”, unha perfecta combinación de versos e música, coa participación dos intérpretes Bernardo Martínez e Fito Ares. Celebrarase o sábado 13 de decembro, ás 18:30 horas, no Centro Social Polivalente. A entrada será libre e gratuíta.

O venres 19 terá lugar a presentación do libro e da exposición fotográfica “Brión en fotos. Unha memoria visual do século XX”, un proxecto elaborado por un grupo de veciños e veciñas de Brión que verá a luz pública na Sala de Exposicións de Brión a partir das 20:30 horas. A mostra poderá visitarse libremente ata o 21 de xaneiro de 2015.

Finalmente, o sábado 20 de decembro, o grupo profesional Boneca Lareta presentará “Sede de mal”, unha representación teatral que terá lugar no centro social polivalente a partir das 20:30 horas. E o sábado 27 de decembro, no mesmo espazo escénico, celebrarase o concerto de Odaiko Perkussion Group, un recital que comezará ás 20:30 horas con entrada libre.

28 de outubro de 2014 | 19:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.