publicidade hoxe

Pescadores e mariscadores interésanse pola aplicación de innovacións tecnolóxicas para mellorar o seu traballo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRianxo
A-
A+

O Auditorio Municipal de Rianxo acolleu a xornada “Innovación Tecnolóxica na Pesca e na Industria Conserveira”,organizada pola Factoría de Innovación da Coruña, promovida pola Escola de Organización Industrial (EOI) e a Deputación da Coruña; e cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e polo Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.

O principal obxectivo desta acción foi mostrar, a través de casos de éxito reais, as diferentes liñas de innovación que se están desenvolvendo dentro do sector da pesca e analizar as innovacións tecnolóxicas que se aplican, tanto na produción como nas zonas de marisqueo.

Judit Hernández abriu a xornada explicando aos asistentes como se pode innovar, tanto nos produtos, como nos procesos ou na comercialización. A experta da Factoría de Innovación da Coruña apoiou a súa exposición con exemplos de diferentes compañías do sector que aplicaron con éxito estas técnicas.

Por outra banda, José Manuel Fernández, de Proafer, compartiu a súa experiencia na introdución do cultivo de ameixa en batea. Tal e como expuxo, fai cinco anos a súa empresa, dedicada en exclusiva ao cultivo de mexillón, viuse obrigada a buscar alternativas que lles permitisen medrar e ser máis competitivos, polo que decidiron aproveitar o know-how adquirido no cultivo desta especie para aplicalo a outros moluscos. Tras desenvolver con éxito unha nova técnica para o cultivo da ameixa en batea, que lles permitiu alcanzar unha facturación de 150 millóns en cinco anos, actualmente xa contan con autorización para probar o cultivo de zamburiña, vieira, ostra e orella de mar, entre outras especies.

Tras este relatorio, José Alcalde, de Talleres Mardous, presentou algúns exemplos de innovacións na fabricación de maquinaria para esta industria. En concreto, mostrou dúas máquinas creadas exclusivamente para empresas do sector que permitiron mellorar e facilitar certas tarefas que se desenvolvían manualmente. Unha delas permite a clasificación da ameixa por tamaño automaticamente, e a outra, única en Galicia, utilízase para a limpeza de aparellos utilizados no cultivo da orella de mar.

A xornada pechouse cun coloquio no que pescadores e mariscadores resolveron as súas dúbidas sobre como aplicar técnicas innovadoras no seu traballo diario e debateron sobre as trabas que habitualmente se atopan para poder introducir estas innovacións e acerca da necesidade de reclamar á Administración maior flexibilidade.

30 de outubro de 2014 | 18:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.