Pérez Jácome considera que non hai nada que conciliar co alcalde de Ourense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurenseOurense
A-
A+
Europa Press

O edil e portavoz de Democracia Ourensá no Concello de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, non ve “nada que conciliar” co alcalde Agustín Fernández, ao que insultou cualificándoo de “atrasado” e “border line”.

Pérez Jácome compareceu este mércores no xulgado de primeira instancia de Ourense por mor dunhas preguntas que fixo ao rexedor nun pleno, cuestionándolle sobre se cobra diñeiro ilegalmente para favorecer a grandes empresas, segundo a acta do pleno.

O rexedor presentou unha demanda contra o edil de DO por unha das súas intervencións, relativas á falta de licenza dun aparcadoiro na céntrica rúa Concordia, cun expediente aberto no Concello de Ourense desde fai 30 anos. Sobre esta cuestión, Pérez Jácome interpelou a Fernández e preguntoulle “Que fai que favoreza de forma salvaxe a esas grandes empresas, Por que lle pagan diñeiro?, diñeiro por detrás, obviamente ilegal, Canto é?, por favor”.

Antes de entrar a declarar, e despois nun comunicado, Pérez Jácome reprochou ao alcalde e aos seus asesores o “ser cortitos”, dado que a acta de conciliación contén a pregunta de se o edil se ratifica nas súas palabras e se eran preguntas ou afirmacións. “Non hai nada que conciliar co alcalde, que con isto demostra que é algo atrasado, igual que os seus asesores, así leva o partido, o concello e todo o que fai”, afirmou o edil.

Neste sentido, para Pérez Jácome “está claro” que as preguntas son retóricas “e parte do xogo político, pois había sospeitas sobre este tema, e está claro que se houbese probas iría ao xulgado como noutras ocasións”, agregou.

NON ADMITE PREGUNTAS RETÓRICAS

Pola súa banda, o alcalde, Agustín Fernández, volveu a mostrar o seu rexeitamento á actitude do edil de DO e deixou a porta aberta a emprender outras accións legais.

O rexedor non asistiu á conciliación senón que estivo representado por un procurador, e, nun acto posterior, dixo aos medios de comunicación que quere analizar o ocorrido no acto do xulgado “para decidir se emprende outras accións por vía civil ou penal”.

“Pretendo facer ver que a miña paciencia ten un límite e que non estou disposto a que se me acuse sen probas e usando preguntas retóricas sobre unha posible comisión dalgunha irregularidade”, afirmou.

De feito, o alcalde reproduciu a intervención do edil de DO. “Ao final pregúntame canto me pagan, e iso é porque previamente, asegurou que fixen esa irregularidade, a través de preguntas retóricas”, concretou. A súa pretensión, segundo dixo, é que se rectifiquen as acusacións e, polo menos, se pidan desculpas”.

Preguntado sobre se rectificou estas declaracións, Pérez Jácome respondeu cun “non” e ratificou a súa intervención, “pois figura na acta do pleno e ninguén impugnou esa acta”. No seu comunicado posterior engadiu a cualificación de “border line” para o alcalde e os seus asesores.

1 de outubro de 2014 | 17:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.