Pachi Vázquez defende que a súa xestión foi impecable e ve con sorpresa que a investigación salte tras posturlarse

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO CarballiñoOurense
A-
A+

O deputado socialista e exsecretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, mostrouse convencido da súa “inocencia” e de que a súa xestión á fronte do Concello do Carballiño foi “impecable dende o punto de vista normativo, tanto no que atinxe aos contratos, coma no resto da xestión municipal”.

   Tras coñecer que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) nomeou un instrutor para investigar varios contratos pola súa época de alcalde –entre 1995 e 2005–, e a través dun comunicado, Pachi Vázquez mostrou o seu “respecto e total colaboración coa xustiza”, pero admitiu que “sorprende” que se produza esta investigación “sobre todo, días despois de anunciar” a súa candidatura ás primarias do PSdeG-PSOE para optar á Alcaldía de Ourense.

   Pachi Vázquez aseverou que, sendo alcalde do Carballiño, “en ningún momento” tomou decisións que “non estivesen avaladas polos órganos municipais competentes”, en referencia á secretaría e á intervención.

   “Nunca nos anos que estiven de alcalde, nin posteriores, tiven ningunha denuncia de ningún traballador, particular, opositor, sindicato ou partido político ao respecto dos contratos dos traballadores”, abundou.

   No comunicado enviado aos medios, o deputado socialista e exconselleiro de Medio co bipartito sinalou que está “absolutamente tranquilo” pola súa xestión no que respecta ao persoal, así como no resto de responsabilidades nas que estivo á fronte da corporación municipal. “Porque sempre as levei a cabo con máximo respecto á lexislación”, apostilou.

   Pachi Vázquez tamén expresou a súa “sorpresa” porque, “a punto de cumprirse dez anos” de ser alcalde agora estea a investigarse a súa xestión naquel período.

6 de outubro de 2014 | 23:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.