publicidade hoxe

Ovidio Rodeiro visita en Padrón aos participantes no programa de mobilidade transnacional ‘La Ida’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPadrónXuventude
A-
A+

A Consellería de Traballo e Benestar e a Fundación Paideia colaboran no programa ‘La Ida’ de mobilidade transnacional para que 10 mozos e mozas poidan realizar prácticas formativas en empresas de Alemaña. O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, mantivo hoxe unha xuntanza na sede da Fundación Paideia en Padrón cos participantes nesta iniciativa, a quen trasladou a importancia de adquirir experiencia internacional para incrementar as súas posibilidades de empregabilidade.

As estadías formativas de ‘La Ida’ terán unha duración de entre catro a cinco semanas, que se desenvolverán entre os meses de outubro e novembro. As prácticas realizaranse nos sectores do metal, xardinería, impresión, gastronomía e comercio. Este programa ten como destinatarios a mozos e mozas de idades comprendidas entre os 18 e 30 anos, sen titulación académica ou con ciclo medio de formación en situación de desemprego laboral superior aos 6 meses.

‘La Ida’ é un dos tres programas de fomento das prácticas laborais en países estranxeiros, xunto con Galeuropa e Eurogal, que este ano puxo en marcha a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado cun orzamento conxunto de 745.000 euros.

No programa Galeuropa participan 280 mozos e mozas de entre  os 18 e os 30 anos, que están a realizar prácticas formativas non remuneradas de 8 semanas de duración en empresas de calquera estado do mundo. Os participantes deberon acreditar coñecemento da lingua do país de destino e estar en posesión do título universitario de grao ou equivalente, título de grao medio ou superior de Formación Profesional, de Ensinanzas Profesionais de Artes plásticas e Deseño ou de Ensinanzas Deportivas

Pola súa banda, o programa “Eurogal” de bolsas Leonardo da Vinci conta con 45 prazas para estadías de 12 semanas de duración para realizar prácticas laborais en seis países europeos: Francia, Italia, Irlanda, Polonia, Hungría e República Checa para técnicos dos sectores de hostalería e turismo, administrativo, electricidade e enerxía, marketing e comercio, informática e agroalimentario.

Segundo explicou o director xeral, “todas estas iniciativas de mobilidade teñen como finalidade apoiar a formación da mocidade galega mediante a mellora da súa empregabilidade, favorecendo a adquisición de novos coñecementos, habilidades, capacidades e cualificacións para facilitar a súa inclusión no mercado de traballo, de xeito que poidan constatar unha práctica formativa no estranxeiro como parte do currículo”.

Ademais de ampliar o currículo laboral dos participantes, estes programas permiten mellorar as competencias idiomáticas, facilitan que se poida coñecer outra organización do traballo, detectar novos sectores empresariais para implantar en Galicia, así como novas posibilidades de internacionalización para empresas galegas.

1 de outubro de 2014 | 13:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.