Outros tres puntos para a escalada laranxa

Un instante do encontro
O Burela FS Pescados Rubén sumou hoxe a súa cuarta vitoria consecutiva coa visita de FSF Rioja (6-2), que acudiu a Vista Alegre baixo mínimo en efectivos.
As pupilas de Quico Otero plantáronse no seu feudo sen deixar nin un respiro. Adiantaron xa, cumpríndose o minuto 1.30 de xogo, cunha asistencia de Bea Mateos desde a banda que Gaby enganchou para estrelar o esférico contra a rede. En contraataque, as Riojanas aproveitaron unha das escasas chegadas á portaría de Jozi (minuto 3), que conseguiron resolver entre a brasileira e Shiori. O incesante perigo local tivo a súa recompensa por partida dobre no minuto 5, con dianas de Peque, de lonxe, e Maite, a pase de Claudia desde a esquina. Aínda puido marcar máis as distancias Claudia un minuto despois na área, sen fortuna no remate desde balón parado. Acto seguido, atoparon as visitantes o seu obxectivo en contraataque, cun balón de Carmen (3-1, minuto 7) que superou a Jozi. Rozando o ecuador da primeira parte, Taina subiu o 4-1 dun potente disparo exterior. A eficacia Riojana volveu facer pleno, con Carmen (4-2, minuto 13) esperando ao segundo pau tras falta local ao bordo da área. O tempo de descanso chegaba con 5-2, tras finalizar Bea Mateos unha preciosa xogada de Shiori que Peque cedeu de tacón a 20 segundos para a bucina. Antes, no 18, Bea Mateos e Peque tamén dispuxeron de magníficas ocasións.
A segunda parte comezou sen cambios, con monólogo laranxa en ataque e perigo, aínda que co paso dos minutos as filas locais reduciron unha marcha en intensidade e iso deulles opción ás Riojanas para achegarse máis á portaría de Jozi, cunha gran oportunidade de Natalia no minuto 24 entre o máis destacado. Con todo, tanto insistiu o Burela FS que no 30 volveu perforar a meta rival, con selo de calidade de Maite, asistida por Shiori. A 17 laranxa aínda dispuxo doutro balón de ouro tan só dous minutos despois nun rexeite, sen éxito para anotar. Responderon as visitantes con galopada de Carmen, a goleadora Riojana, que rabuñou Jozi da liña de meta. Na recta final, Gaby tamén tamén conseguiu manter o marcador co 6-2 definitivo salvando da liña de gol un disparo de Jess que superou á meta mariñá.
Ficha técnica
Burela FS Pescados Rubén: Jozi, Peque, Gaby, Bea Mateos, Shiori (quinteto inicial). Tamén xogaron Claudia, Maite, Kiko, Paula, Cris
FSF Rioja: Eva Gutiérrez, Carmen, Jess, Eva, Lara (quinteto inicial). Tamén xogaron Natalia, Silvia
Goles: 1-0, minuto 2, Gaby; 2-0, minuto 5, Peque; 3-0, minuto 5, Maite; 3-1, minuto 7, Carmen; 4-1, minuto 10, Taina; 4-2, Carmen; 5-2, minuto 20, Bea Mateos; 6-2, minuto 30, Maite
Cartóns: Por FSF Rioja, amarela a Eva (minuto 9)
Árbitros: Dos Santos, Carlos Alberto // González Suárez, José Paulino (Asturias)
Incidencias: Partido correspondente á sétima xornada de Primeira División RFEF. 300 espectadores











