Os usuarios da oficina de asesoramento enerxético de Lalín conseguen aforrar ata 40 euros na factura
A dita Oficina rexistrou unha importante resposta, situándose as consultas recibidas en algo máis de 150, precisa Batán segundo datos achegados polo coordinador do dito servizo, Miguel Vázquez A Oficina permanecerá aberta ata o 31 de outubro cun horario de atención ao público de 10 a 14 horas. Trátase dun servizo gratuíto para o que hai que pedir cita previa.
Desde comezos de setembro está funcionando, na planta baixa do Concello, unha Oficina de Asesoramento Enerxético, promovida pola Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) e pola Deputación de Pontevedra en colaboración co Concello de Lalín. Este servizo de asesoramento de ámbito comarcal, isto é, para lalinenses e dezaos, ofrece unha información individualizada ás persoas usuarias sobre calquera aspecto relacionado coa factura eléctrica, explica a concelleira de Actividade Económica, María José Batán.
A dita Oficina rexistrou unha importante resposta por parte dos usuarios, situándose as consultas recibidas en algo máis de 150, precisa Batán segundo datos achegados polo coordinador do dito servizo, Miguel Vázquez. Destas, a maior parte refírense a xente que non vén cunha dúbida concreta, senón que se achegan para ver que poden facer para aforrar na súa factura eléctrica, indica o responsable técnico.
A media do que consigue aforrar unha persoa usuaria desta Oficina é uns 15 euros por factura. Nas vivendas cun maior consumo o aforro é loxicamente maior, ao redor duns 30-40 euros por factura. A maiores tamén se rexistraron tres casos nos que o aforro estimado alcanzou os 200 euros por factura -unha casa cun elevado consumo e dous bares-.
Así mesmo tramitouse unha reclamación por práctica abusiva dunha comercializadora eléctrica, que viña cobrando unha penalización por non ter instalado o interruptor de control de potencia de aproximadamente 50 euros por factura a un consumidor.
POTENCIA SUPERIOR Á NECESARIA
Do total de consultas, o 85% da xente ten contratado o servizo eléctrico no mercado regulado e tan só o 15% no mercado libre. Só un 15% das persoas usuarias teñen contratada a tarifa máis beneficiosa para as súas necesidades, mentres que un 20% ten contratada unha potencia superior á necesaria.
GRATUÍTO CON CITA PREVIA
O número de consultas estanse a incrementar de forma significativa nos últimos días logo da introdución do novo modelo de factura eléctrica. A Oficina permanecerá aberta ata o 31 de outubro cun horario de atención ao público de 10 a 14 horas. Trátase dun servizo gratuíto para o que hai que pedir cita previa.
A UCGAL e a Deputación teñen funcionando dez oficinas na provincia: en Lalín, Pontevedra, Vigo, Cangas, A Estrada, Cambados, Ponteareas, Redondela, Tui e Vilagarcía que asesoraron ao redor dunhas 2.000 familias desde o inicio da campaña.
Batán convida aos usuarios de Lalín e Comarca do Deza a que aproveiten os últimos días de funcionamento deste punto de asesoramento para achegarse ata el e para que o responsable da Oficina, Miguel Vázquez, lles asesore para que podan obter un aforro na súa factura da luz.











