Os socialistas instan á Xunta a investir case medio millón de euros nun proxecto para o desenvolvemento do sector téxtil en Ordes
O grupo parlamentario dos socialistas de Galicia vén de presentar unha proposición non de lei no Parlamento para instar á Xunta a establecer unha liña específica de apoio para a adaptación tecnolóxica e medioambiental dos obradoiros téxtiles da comarca de Ordes ao proxecto de desenvolvemento endóxeno do sector téxtil coñecido como “A Estación”. “Suporía un investimento de preto de medio millóns de euros para relanzar nun sector que nos últimos dez anos sufriu unha caída no emprego de máis do 34%”, explica o secretario xeral do PSOE de Ordes, Xesús Pedreira, quen apunta que “estamos falando dunha aposta pola calidade cun potencial de negocio de case cinco millóns de euros”.
Na súa proposta, os deputados socialistas especifican que o proxecto coñecido como “A Estación”, que ten solicitado apoio público, é “o marco máis axeitado para configurar ese polo de téxtil de calidade que permita recuperar unha actividade económica que conta cunha arraigada tradición na comarca”. Neste sentido, Xesús Pedreira sinala que “os pequenos talleres téxtiles precisan dunha estratexia de apoio para mellorar as súas condicións de produción, algo que os socialistas de Ordes levamos pedindo dende hai xa dous anos pero que foi reiteradamente ignorada por parte da Xunta. Agora entendemos que é o momento de que a Xunta se comprometa con esta mellora”.
A Xunta esquécese de Ordes
Un compromiso que o secretario xeral dos socialistas ordenses considera “de xustiza, logo de comprobar que un ano máis a Xunta volve a castigar a Ordes e non contempla nin un só investimento no municipio. É máis, de acordo co incluído nestes momentos nos orzamentos, a toda a comarca de Ordes só lle corresponderían 420 euros para mantemento de aplicacións informáticas”. Neste sentido, Pedreira lembra que “a Xunta sigue sen destinar partida algunha para a mellora dos depósitos de auga que abastecen á vila de Ordes, a pesar dos riscos que supoñen as fendas que teñen nas súas paredes exteriores, nin para a mellora das redes de abastecemento e saneamento no municipio, incumprindo un ano máis o seu compromiso”.
“Iso por non falar do Museo do Traxe Juanjo Liñares, probablemente o maior patrimoinio cultural co que conta a nosa comarca, e que non tivo nin unha achega por parte da Xunta en ningún momento”, lembra Xesús Pedreira.
“A Estación”
“A Estación”, iniciativa que toma o seu nome da estación da Pontraga (onde pretende instalarse), é un proxecto que pretende recuperar o sector téxtil ordense a través da creación dun novo modelo de xestión en tres niveis: produtivo (cun centro de recollida de pedidos das marcas que supervise e coordine a produción dos distintos talleres), marketing (espazo de divulgación para as marcas, escolas de deseño…) e loxística (enlazando co tecido industrial de Santiago, Coruña, Melide e Carballo). Un proxecto que xa conta co apoio expreso de recoñecidas marcas a nivel nacional.
En maio de 2012 os socialistas esixíanlle á Xunta a elaboración dun Plan Estratéxico para o Sector Téxtil da Comarca de Ordes que contemplase medidas de apoio ao financiamento do circulante e do investimento, así como un fondo de avais específico para o sector téxtil, bonificacións de cotas á Seguridade Social e ter en conta as necesidades de comercialización das empresas do sector. Unha proposta que reiteraron en 2013 e que en todas as ocasións foi rexeitada polo Partido Popular, que preferiu obviar que entre xaneiro de 2008 e maio de 2012 se perderon 332 empregos no sector téxtil na comarca de Ordes, o que supuxo un terzo da capacidade produtiva da comarca. Unha situación que non fixo máis que agravarse e que se materializou nunha perda de máis de case oitocentos empregos nestes últimos dez anos.
A proposición non de lei foi presentada polos deputados socialistas José Luís Méndez Romeu, José Antonio Sánchez Bugallo, Beatriz Sestayo Doce, José Manuel Gallego Lomba e Abel Fermín Losada Álvarez.











