Os produtos do outono encherán os Mercados de Monforte
Os produtos gastronómicos desta época do ano serán os protagonistas do Mercado que se celebrará esta fin de semana na Praza de Abastos de Monforte.
Grazas á abundancia de bosques autóctonos, na Ribeira Sacra podemos atopar algúns dos máis deliciosos bocados desta época. Castañas, noces, cogomelos ou froitos do bosque, son algunhas das exquisiteces que se ofrecerán no Mercado do Outono. Tamén contaremos con excelentes produtos de horta vinculados a esta estación, caso dos grelos, das nabizas, dos garavanzos ou das fabas.
O Mercado do Outono reunirá a 9 produtores e comerciantes que, nun total de 12 postos, ofertarán unha variada selección dos produtos frescos é elaborados que non poden faltar nas comidas de outono.
O mercado permanecerá aberto o sábado de 10:30 a 14:00 h e de 17:00 a 20:00 h, e o domingo de 10:30 a 14:00 h.
Os produtores e comerciantes que acudirán a este mercado son:
*Cafés Conti: froitos secos, marmeladas de froitos do bosque, conservas de castañas…
*Hortalizas Corbillón: 1 posto de herbas aromáticas e 2 postos de verduras, castañas, noces, garavanzos, fabas…
*Terras de MªCastaña: cogomelos frescos, castañas, abelás, noces, verduras…
*Casa Díaz: fabas de Lourenzá
*Hifas da Terra: cogomelos deshidratados, conservas, chocolates…
*Caurelor: marmeladas de uva mencía, castañas en caldo de azucre, crema de castañas…
*Casa Neiras: embutidos tradicionais de porco, sen conservantes
*Roscas Mari Carmen: roscas de Millán, bicas, empanadas
*Repostería Luimy: pan de noces, madalenas e bicas de castañas…
O Mercado do Outono está organizado polo Concello de Monforte e patrocinado pola Área de Turismo da Deputación de Lugo.











