Os participantes no “Emprende Lalín” reciben asesoramento individual

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalín
A-
A+

A concelleira María José Batán sinala que de xeito simultáneo a estas entrevistas de orientación, darán comezo de inmediato accións formativas nas áreas de soldadura, hostalería e vendas, ademais dun curso de alfabetización informática e doutro de prevención de riscos laborais A responsable municipal tamén precisa que desde o inicio do programa xa se están a realizar labores de intermediación laboral xa coa xestión directa de ofertas de emprego e a través do contacto coas empresas relacionadas cos perfís ocupacionais das persoas participantes no programa

Os 75 traballadores/as participantes no programa integrado de emprego “Emprende Lalín”, que promovido pola Concellería de Emprego e en colaboración coa Dirección Xeral de Emprego e Formación se desenvolverá ata xuño de 2015, están a recibir desde comezos deste mes de outubro a primeira fase das actividades de asesoramento individual impartida polas tres titoras de inserción laboral contratadas para o programa, que desenvolven o seu labor na planta habilitada ao efecto na planta baixa.

A concelleira de Actividade Económica, Comercio e Emprego, María José Batán Mouriño, precisa que “as titoras realizan itinerarios individuais de inserción a cada participante, facéndolle unha entrevista ocupacional, un diagnóstico de empregabilidade no que se establezan os itinerarios profesionais e un proxecto persoal tendo en conta aspectos persoais, profesionais e actitudes de cada participantes”.

Parello a estas entrevistas de orientación, tamén se desenvolverán de inmediato as accións formativas contempladas no “Lalín Emprende” relacionadas coas áreas de soldadura, hostalería e venda, explica Batán.

Ademais, o vindeiro luns 27 de outubro iníciase un curso de alfabetización informática cunha duración de 30 horas lectivas no que participarán 15 persoas e do 30 de outubro ao 5 de novembro desenvolverase un curso básico de prevención en riscos laborais de 60 horas, con carácter semipresencial (20 horas) e tamén con igual número de participantes, indica a concelleira delegada.

Ata o momento xa se desenvolveron varios obradoiros e técnicas de búsqueda de emprego; dous talleres de coaching para a busca de emprego co título “Que estou a facer e que podo facer para conseguir o meu emprego”, con 50 participantes; dúas xornadas de formación con 40 participantes que tomaron parte en dous obradoiros de asesoramento da imaxe persoal nos procesos de selección e obradoiro de simulación de dinámica de grupos en proceso de selección, ademais dunha actividade individual na que cada participante realiza unha entrevista de selección con expertos/as en recursos humanos.

Batán Mouriño remarca que “tamén desde o inicio do programa se están a realizar xa labores de intermediación laboral coa xestión directa de ofertas de traballo e a través do contacto coas empresas relacionadas cos perfís ocupacionais das persoas participantes no programa”.

O programa integrado de Emprego “Emprende Lalín”, subvencionado pola Consellería de Traballo, é unha ferramenta de apoio á busca de emprego e á inserción laboral ofertada polo Concello, que permite traballar individualmente con cada un dos participantes ofertándolles un programa flexible e personalizado de accións a incorporar no seu itinerario de inserción para incrementar as súas competencias profesionais, fomentar o potencial de emprego e autoemprego e mellorar a súa empregabilidade.

24 de outubro de 2014 | 12:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.