Os pais dos compañeiros da moza falecida en Santiago por unha descarga solicitan información detallada do accidente
A Asociación de Padre e Nais de Alumnos do IES de Brión, no que estudaba a moza falecida en Santiago pola descarga producida por un farol, e a Federación de Anpas de Compostela, pediron “información detallada” das causas do accidente así como sobre o estado da rede eléctrica de Compostela.
Nun comunicado cando está a punto de cumprirse un mes do falecemento da moza, de 14 anos, os pais dos compañeiros da vítima criticaron a “falta de información” existente sobre as causas do accidente e “as medidas adoptadas para evitar que se repita”.
Por iso, pediron ás autoridades un “informe detallado” dos feitos que ocasionaron a morte da moza, do dispositivo de seguridade asignado para a festa na que faleceu, dos permisos outorgados e do persoal sanitario e de emerxencias que se desprazou ao lugar, incluíndo as “dificultades que se atoparon para acceder ao lugar da traxedia”.
Ao mesmo tempo, reclaman que se informe á cidadanía sobre o estado actual da iluminación das rúas na cidade e se garanta “o dereito a circular por eles sen medo a sufrir un accidente”
“De non se aclarar os extremos expostos ou de demostrarse deficiencias no mantemento da iluminación ou falta de previsión nas normas de seguridade do evento, reclamaremos a depuración de responsabilidades”, expresaron.
Finalmente, o Anpa convocou a comunidade educativa da bisbarra de Santiago e á cidadanía en xeral a un acto público en memoria da moza falecida, que terá lugar o martes 14 ás 19.00 horas no Parque Pablo Iglesias.











