Os padexeiros galegos regresan á casa coas seis medallas logradas no Campionato do Mundo de Maratón

Chegada dos mundialistas
Tono Campos, Iván Alonso, Óscar Graña e Ramón Ferro, os catro padexeiros galegos que lograron un total de seis medallas no Campionato do Mundo de maratón xa están en Galicia, salvo Álvaro Fernández Fiuza que regresou a Asturias. Todos “cansos”, segundo recoñeceron, polo intenso esforzo realizado. A calor na cidade norteamericana condicionoulles no seu rendemento. Unha medalla de ouro, dúas de prata e dúas de bronce foi o balance final.
O padexeiro do Breogán do Grove chegou ao aeroporto de Peinador onde foi recibido polos seus familiares e un gran número de compañeiros do seu club. Máis tarde recibiu unha homenaxe na súa cidade, nunha cerimonia que se iniciou ás sete da tarde.
Tono Campos declarou que “a medalla de ouro en C- 1 é o premio a un gran esforzo. Non foi fácil, pero ao final logrei un obxectivo que era prioritario”. Peor lle foron as cousas xunto a José Manuel Sánchez no C-2. “A regata foi moi rifada, con moitos barcos na loita polos primeiros lugares ao comezo. Despois da segunda volta todo cambiou. Os húngaros estaban moi fortes e afastáronse. Quedounos loitar polo segundo posto. Sufrimos moito pola calor”.
Os terceiros en C-2 foron Óscar Graña e Ramón Ferro, do Kaiak Tudense. O primeiro deles recoñeceu que “esperabamos un mellor resultado, pero hai que aceptalo. Eles foron mellores. Co paso do tempo darémoslle máis valor”. Ramón Ferro explicou que “partiamos como favoritos e tiñamos opcións, pero non foi posible. Outra vez será. O deporte é así”.
Iván Alonso logrou a medalla de prata en K-1 e a de bronce en K-2 xunto a Emilio Merchán. “É un bo resultado. Puido ser mellor, pero non se deron as condicións”, recalca. Sinala que “houbo moita loita. Demasiados barcos na pelexa polos primeiros lugares ao comezo. Despois quedámonos catro. Poderiamos ser segundos e mesmo gañar, pero faltounos algo de forza no tramo final”.
Os padexeiros galegos destacaron o elevado nivel das regatas e a forte calor como unha das principais características do Campionato do Mundo de Maratón. Tono Campos conquistou a súa décima medalla nesta espacialidade nunha competición destas características. Óscar Graña e Ramón Ferro suman nove en C-2 e Iván Alonso xa ten seis.











