Os créditos do Plan Activamos beneficiaron a 429 empresas, 78 familias e 11 concellos
O presidente da Deputación, Diego Calvo, realizou hoxe, xunto ao director de Banca Institucional de ABANCA, Santiago Novoa, unha primeira valoración dos resultados do Plan Activamos posto en marcha grazas á colaboración das dúas institucións no mes de xullo.
Durante estes tres meses, segundo avanzou Calvo, concedéronse ou están en fase avanzada de tramitación un total de 518 créditos coas mellores condicións do mercado: 78 para familias ou particulares, 429 para autónomos ou pequenas empresas e 11 para corporacións locais.
“Estamos moi satisfeitos dos primeiros resultados do Plan Activamos, sobre todo tendo en conta que comezou a funcionar no mes de xullo, nun período de pouco movemento, e aínda así vemos que foi unha aposta acertada”, asegurou o titular provincial.
Do mesmo xeito, lembrou que o Plan Activamos xurdiu grazas á decisión da Deputación de cancelar a súa débeda financeira coa única entidade que aínda tiña unha liña de crédito. Así, a institución provincial amortizou anticipadamente 36 millóns de euros e contactou cos responsables de ABANCA para plantexar a posibilidade de que eses cartos foran destinados a créditos con boas condicións. “Non só aceptaron a nosa proposta, senón que engadiron outra cantidade igual para o Plan Activamos, co que ABANCA creou un plan con 72 millóns de euros”, relatou Calvo.
“Estamos a cumprir o noso obxectivo, que pasaba por sanear a Deputación e tamén por poñer os cartos a disposición de quen máis o necesita”, engadiu, á vez que salientou a importancia destes préstamos porque, dixo, “axudan a reactivar o consumo e a economía provincial”.
Neste sentido, Santiago Novoa agradeceu a proposta da Deputación ao destacar que “esta idea xurdiu aquí e agora se está beneficiando dela tamén no resto de Galicia”, xa a ABANCA decidiu estender estas condicións ás catro deputacións provinciais.
De seguir o ritmo actual, as previsións sinalan que, cando remate a vixencia do convenio, teranse beneficiado do mesmo 500 familias, 1.800 autónomos e pymes e ata 20 municipios.
Novidades
Estas conclusións foron presentadas na última reunión da comisión de seguimento que se formou como condición no convenio asinado entre ambas institucións. Nestas reunións analízase non só a evolución da concesión de créditos, senón tamén o funcionamento das distintas liñas de financiamento e a posibilidade de melloralas.
Así, vanse incorporar novas posibilidades para familias e pequenos negocios. No primeiro dos casos, ademais de poder solicitar un crédito para equipamento tecnolóxico, formación e becas para persoas da unidade familiar e para a compra de vehículos eficientes, agora os particulares tamén poderán solicitar un préstamo para obras de mellora de illamento ou de mellora da accesibilidade e a eficiencia enerxética nos seus fogares.
No caso dos pequenos empresarios, terán a posibilidade de dispor de circulante para o correcto funcionamento do seu negocio.
As mellores condicións do mercado
As grandes ventaxas destes productos de financiación son as condicións do mesmo, con tipos de interese bonificados en relación coa oferta bancaria actual e sen bandas de fluctuación. Ademais, carecen de comisións de apertura, estudio, amortización ou cancelación anticipada e se dispoñe de amplios prazos de amortización.











