Os conceptos da alta cociña adáptanse ao tapeo no restaurante do Museo de Pontevedra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraPontevedra
A-
A+
Rafael Louzán na vista ao Museo de Pontevedra

Rafael Louzán na vista ao Museo de Pontevedra

Igual que fixo coas súas coleccións e actividades, o Museo de Pontevedra rompe agora co concepto da alta cociña como algo limitado a un público selecto para “abrila á sociedade no seu conxunto”. Así o puxeron de manifesto o presidente da Deputación, Rafael Louzán, e os irmáns Cannas na visita que esta mañá realizaron ó Edificio Sarmiento, onde se situarán a cafetería e o restaurante do Museo, que xestionará e explotará a empresa Pepe Vieira S. L.

Xosé Cannas subliñou que se trata de “trasladar os conceptos da alta cociña ó tapeo” e conseguir que “a cociña de innovación e vangarda deixe de ser un couto reservado ós gourmets, snobs e críticos gastronómicos para que todo o mundo poida disfrutar destas creacións culinarias”, algo que “xa pasou coa arte, e non perdeu valor nin prestixio”.

A proposta dos irmáns Cannas inclúe restaurante, gastrobar, barra de viños, tenda e aula formativa, e terá na aposta polos produtos do campo e das lonxas galegas o eixe central da súa cociña.

Concepto Eat & Go

Baixo o concepto Eat & Go o restaurante do Museo presentarase como “un restaurante áxil e versátil, adaptado ó cliente e á súa vida, onde se poderá disfrutar da comida tradicional actualizada nun espazo elegante e actual”.

Cunha carta baseada nos produtos da praza de abastos de Pontevedra, os irmáns Cannas conciben o novo restaurante como “elemento motor dunha gastronomía local coidada” pero, ó mesmo tempo, buscan que o Museo cobre vida tamén na cociña.

Así, incluiranse tres modelos de menú: menús de temporada, que variarán en función dos produtos propios de cada estación; menús temáticos, centrados nas exposicións temporais do Museo; e o menú Castelao, “en homenaxe á cultura culinaria galega” e a un dos fundadores do propio Museo.

A cafetería e a terraza como epicentros da vida local

Pola súa banda, a cafetería e a terraza organizaranse en diferentes espazos, de forma que non só se poida tomar un café, un licor ou unhas tapas senón que sirva “de epicentro da vida social e cultural de Pontevedra”.

O espazo principal será o destinado a tapas bar-gastrobar, cunha ampla liña de tapas frías e quentes de marcado sabor galego, centradas nos produtos do mercado de abastos e pensadas para compartir, para gozar en grupo.

Outra pequena área converterase na barra de viños, un verdadeiro escaparate dos mellores viños das Rías Baixas, pero tamén do resto de Galicia. E para os que non gusten do viño, tamén se servirán cervexa e bebidas non alcohólicas.

A terraza será un “restaurante informal” e de ambiente relaxado.

E para os que non só queiran degustar in situ o mellor dos produtos de Pontevedra e a súa provincia senón que queiran levar estes sabores consigo, a oferta presentada polos irmáns Cannas para o Museo inclúe a apertura dunha tenda que “recupera a esencia dos ultramarinos de sempre” e onde, ademais de tomar un viño ou aperitivo, se poderán comprar regalos gastronómicos coma conservas galegas, viños, queixos, licores ou mel.

Difusión e creatividade

Máis alá destes espazos a oferta do restaurante e cafetería do Museo completarase cunha aula coa que Xosé e Xoán Cannas pretenden achegarlles a gastronomía e a enoloxía ós veciños e visitantes de Pontevedra.

Así, a proposta coa que Pepe Vieira S. L. se fixo coa xestión e explotación destes espazos inclúe a organización de cursos, monográficos, charlas e obradoiros relacionados coa arte culinaria e dirixidos a diferentes colectivos, desde amas de casa ata asociacións, executivos, entre outros.

Finalmente o espazo destinado a explotación hostaleira do terceiro andar do Sexto Edificio concíbese como unha área multifuncional, equipada para o descanso dos visitantes (con sofás, zona de lectura…), pero tamén para acoller diferentes eventos, desde catas de viño ata reunións de traballo ou faladoiros culturais, pasando por presentacións ou reunións de traballo.

Cociña de prestixio

Os irmáns Xosé e Xoán Cannas son propietarios do restaurante Pepe Vieira-Camiño da Serpe, en Raxó, Poio, que desde a súa fundación no ano 2000 acadou prestixiosos premios, coma a concesión dunha estrela Michelín e dous soles da Guía Repsol.   

Neste tempo convertéronse nunha referencia da gastronomía galega e nacional. Xosé Cannas, o xefe de cociña, participou en incontables certames e conferencias de gastronomía. No ano 2003 foi recoñecido como Restaurante Revelación en Madrid Fusión. Xoán Cannas, o sommelier, conta con numerosos galardóns, entre os que destaca a proclamación como Nariz de Ouro (2004). Desde o ano 2012 é presidente do Instituto Galego do Viño.

28 de outubro de 2014 | 18:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.