Os alumnos da escola de FP Marítimo-Pesqueira de Bueu recrean na Escola Naval Militar de Marín funcións de navegación
Os alumnos do curso de “Patrón Portuario” da Escola de FP Marítimo-Pesqueira de Bueu, dependente da Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra, realizaron prácticas de navegación do módulo de Ponte no simulador con que conta a Escola Naval Militar de Marín.
En total, 17 alumnos deste curso trasladáronse ata a Escola Naval Militar de Marín para, nunha colaboración puntual e experimental, poder levar a cabo as prácticas do módulo de Ponte nas instalacións do simulador de navegación deste centro militar, quen tamén prestou, desinteresadamente aos seus instrutores de formación para impartir as prácticas a estes alumnos.
O resultado foi “unha práctica activa, sorprendente e enriquecedora para os alumnos que puideron desenvolver na ría de Pontevedra, grazas á excelente montaxe das pantallas dixitais do simulador”, tal e como explican os responsables da Escola de FP de Bueu. De feito, nas pantallas da Escola Naval Militar reprodúcese, de xeito absolutamente realista, a ponte de mando dunha embarcación, a sensación de movementos e sons tan reais como os da navegación na mar, “gañando en exercicios de diversa climatoloxía e situacións adversas de perigo, indispensables para un ensino de calidade”.
O curso da Mariña Mercante “Patrón Portuario” é un dos máis demandados polos alumnos. De feito, este ano fixéronse dúas edicións con 20 alumnos en cada un. Está homologados pola Mariña Mercante, o ISM, a Consellería do Medio rural e do Mar, así como pola Consellería de Cultura e Educación.
Este curso, que conta con 150 horas, require prácticas de navegación, que tanto poden facerse en embarcacións reais como en simuladores de navegación, facendo énfase nos aspectos climáticos, meteorolóxicos e de supervivencia na mar. “Esta é a razón pola que a práctica foi valorada tan positivamente por tódolos alumnos do curso, e suporá un salto cualitativo na calidade da ensinanza que imparte a nosa escola”, explicou María Teresa Caneda, directora do centro de Bueu.
Caneda, ademais, destacou a excelente acollida e o trato dispensado polo persoal da Escola Naval Militar de Marín e agradeceu especialmente ao seu Comandante-Director Juan Sobrino Pérez-Crespo o seu ofrecemento para esta colaboración mutua “tan enriquecedora”. De feito, a directora do centro de FP fixo fincapé en que esta experiencia foi “un completo logro de colaboración entre institucións”.
A finalidade do curso de Patrón Portuario é poder obter o título é así exercer como patrón en buques mercantes de arqueo bruto non superior aos 100 GT que realicen navegacións que non se afasten máis de tres millas de un porto ou da zona de refuxio e que, no seu caso, transporten un máximo de 150 pasaxeiros.
A Escola de F.P Marítimo Pesqueira de Bueu conta cada ano con entre 750 e 800 alumnos, algúns deles mulleres, xa que se está a notar a progresiva incorporación do sexo feminino a este sector. A demanda neste centro é moi elevada, xa que é o único de estas características co que conta a comunidade autónoma impartindo formación na familia profesional marítimo-pesqueira e incluso conta cunha bolsa de emprego para alumnos que rematan a súa formación.











