Oroso pon en marcha o segundo curso da escola de pais e nais “Espazo de Familia”
O concelleiro de Familia e Ensino, Antonio Leira, vén de inaugurar o segundo curso da escola de pais e nais “Espazo de Familia”, unha iniciativa organizada polo Concello de Oroso e subvencionada pola Deputación Provincial da Coruña que terá lugar en martes alternos, en horario de 16:00 a 18:00 horas, no local social de Vilarromariz. “Espazo de Familia” é unha iniciativa dirixida ás familias do alumnado do Centro Rural Agrupado (CRA) de Oroso que pretende converterse nun punto de encontro para que os pais e nais reflexionen e afonden de xeito colectivo naqueles temas que máis lles preocupan sobre a educación dos seus cativos.
Leira Piñeiro agarda que este segundo curso sexa “moi positivo, non só polo enriquecemento de poñer en común as dificultades e os acertos de cada familia na educación dos seus fillos, senón porque a proximidade das familias e dos profesionais neste punto de participación permitirá mellorar a comunicación entre as familias e o profesorado, mellorará as habilidades parentais e facilitará a elaboración de estratexias educativas”.
Por esa razón, as xornadas estarán un ano máis baixo a coordinación da psicóloga familiar do Concello de Oroso, Monserrat Lata. “Partimos dun grupo de persoas que ten gañas de facer algo. Polo que entendemos que neste espazo de participación e encontro todos e todas temos que achegar as nosas ideas e esforzos. As familias son o eixe central deste punto, mais a colaboración de todas as persoas involucradas na educación enriquece estas experiencias”, apunta Monserrat Lata.
Durante o seu primeiro curso, “Espazo de Familia” ofertou un total de seis sesións con temáticas moi variadas e de acordo coas peticións dos pais e nais participantes: dende como afrontar o primeiro día de clase ata como resolver os conflitos cos cativos. De feito, a cuestión de como afrontar os conflitos cos nenos foi un dos máis recorrentes, analizándose cuestións como a imposición de normas e límites, a conveniencia ou non do castigo ou a importancia de saber colaborar cos pequenos e impulsar a súa autonomía.
Esta escola de pais é froito dun proxecto posto en marcha de xeito experimental polo Concello de Oroso en verán de 2013. A boa acollida daquela iniciativa motivou que Leira Piñeiro se comprometera a poñer en marcha esta escola de pais e nais durante o curso 2013-2014. Un compromiso que se fixo efectivo en febreiro de 2014 e que agora goza de continuidade “para dar cumprida resposta a unha demanda dos profesores e da ANPA de poñer a disposición das familias un espazo no que compartir experiencias sobre a educación dos fillos e aprender uns dos outros”, explica o concelleiro de Familia e Ensino.











