Oroso finaliza os traballos de pintado exterior e interior do CEIP de Sigüeiro
Aproveitando a mellora na climatoloxía, o Concello de Oroso acomete o remate do pintado exterior e interior do CEIP de Sigüeiro. Uns traballos que o Concello de Oroso está levando a cabo de xeito coordinado coa dirección do colexio para que non causen molestia algunha nin aos alumnos nin ao profesorado.
De feito, a parte principal deste pintado xa se realizou durante o pasado mes de agosto, aproveitando as vacacións escolares. Daquela pintáranse a fachada principal e as aulas de infantil e de primaria que están a utilizar os alumnos e alumnas. Agora, o Concello de Oroso vai proceder ao pintado das demais aulas de infantil e de primaria, que agora xa non acollen clases diarias senón que son utilizadas como aulas auxiliares ou de apoio, e dotará de máis colorido a fachada branca do CEIP de Sigüeiro.
Estes traballos xúntanse aos xa realizados durante este verán no CEIP de Sigüeiro, onde tamén se arranxou o tellado e se cambiaron as fiestras dos teitos. Ademais, os obreiros municipais realizaron diversos traballos de albanelería e de fontanería no centro.











