Oroso convoca dous cursos sobre estratexias de márketing en liña, comercio electrónico e venda por Internet

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOroso
A-
A+

O Concello de Oroso convoca dous novos cursos formativos gratuítos sobre estratexias de márketing en liña, comercio electrónico e venda a través de Internet. Dous cursos enmarcados dentro do Plan de Inclusión Dixital do Concello de Oroso e en colaboración co programa “Faite Dixital”, posto en marcha pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) en colaboración coa Aula CeMIT de Oroso e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.

O primeiro dos cursos, denominado “Marca Persoal”, está dirixido á aprendizaxe de novas competencias dixitais no desenvolvemento de estratexias de marca persoal e márketing en liña, dirixidas a implementar ou mellorar o comercio electrónico dentro dun modelo de negocio. Desenvolverase do 29 de outubro ao 6 de novembro, en horario de 16:00 a 20:00 horas.

O segundo curso será sobre “Redes Sociais” e está dirixido á aprendizaxe de competencias dixitais no desenvolvemento relacionadas co márketing en liña, dirixida tanto a cidadanía como a empresas e emprendedores que queiran iniciarse ou mellorar a súa visibilidade na rede de cara ao comercio en liña. Terá lugar do 10 ao 18 de novembro, de 16:00 a 20:00 horas.

En ambos casos, os veciños e veciñas interesados en participar deberán reservar a súa praza ben na Aula CeMIT do Concello de Oroso (rúa do Deporte, 7. Sigüeiro), no teléfono 981 973 927 ou na web https://cemit.xunta.es/gl/actividade/11748.

22 de outubro de 2014 | 11:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.