Oroso celebra o Día da Biblioteca co espectáculo de monicreques “A biblioteca dos libros perdidos”
O Concello de Oroso celebrará mañá venres 24 de outubro o Día da Biblioteca cun espectáculo de monicreques da compañía Fanfarra Títeres: “A biblioteca dos libros perdidos”. Un espectáculo dirixido ao público infantil e que terá lugar ás 18:00 horas na biblioteca municipal de Sigüeiro. A participación é totalmente libre e de balde.
“A biblioteca dos libros perdidos” é un espectáculo de Fanfarra Títeres, compañía que xurde ao abeiro da Asociación Galega Fanfarra de Soños. O espectáculo de mañá venres está organizado polo Concello de Oroso, en colaboración coa Deputación Provincial da Coruña.
Animación á lectura
Esta actividade marcará o inicio dunha nova tempada do Programa Municipal de Animación á Lectura, que traerá cada mes á biblioteca municipal de Sigüeiro 4 sesións de contacontos nas mañás dos sábados e dous obradoiros os dous últimos venres de cada mes. Unha iniciativa organizada polo Concello de Oroso e que será levada á práctica pola compañía Xandobela, Xestión e Dinamización Sociocultural.
Como non podía ser doutro xeito, o samaín será o protagonista do programa durante o mes de novembro. Así, os sábados 8, 15, 22 e 29 de outubro, ás 11:00 horas, a biblioteca municipal de Sigüeiro acollerá sesións de contacontos baixo o título “Aí vén o coco!”. Unhas sesións dirixidas a nenos de 3 a 9 anos (os menores de 4 anos deberán estar acompañados por un adulto) e de participación libre e de balde, se ben é preciso anotarse previamente na biblioteca municipal de Sigüeiro (981 690 903).
Para o venres 21 de novembro, ás 18:00 horas, está prevista a primeira sesión de “En busca do libro perdido”, o club de lectura xuvenil de Oroso no que participan nenos e nenas de entre 8 e 12 anos e que se reunirá por primeira vez tras o parón do verán. E para o venres 28 de outubro, tamén ás 18:00 horas, está programada unha nova sesión da “Rebotica dos contos”, un obradoiro sobre o samaín dirixido a nenos e nenas de entre 4 e 12 anos de idades.











