O Teatro Colón abre unha nova liña de traballo de produción de espectáculos e residencias técnicas
O Teatro Colón abre unha nova liña de traballo que inclúe a produción e coprodución de espectáculos e as residencias técnicas. A primeira das obras imbricada dentro desta liña estréase este venres 31 de outubro, trátase do Don Juan Tenorio de Zorrilla producido xunto á compañía Noite Bohemia e coa colaboración da Orquestra de Cámara Galega.
Con esta iniciativa queremos dar ferramentas aos creadores e trazas redes e vías de comunicación que fortalezan o sector escénico galego, ademais de abrir o sector á colaboración con entidades e profesionais doutras comunidades. A segunda produción é o infantil O Gato con Botas que se estreará o vindeiro 21 de novembro. A obra recupera unha partitura inédita do compositor coruñés Rogelio Groba e conta con música en directo da Orquestra de Cámara Galega. Na produción participan tamén os coruñeses Qatrogatos na realización do vídeo mapping e a animación e CEGA audiovisuais na dirección técnica.
A estes dous proxectos súmase Insolación, unha adaptación da novela de Emilia Pardo Bazán, que se estreará a mediados de decembro. A obra que ten como protagonista a María Adánez estará coproducida xunto a Faraute Producciones e conta coa colaboración do Centro Dramático Nacional e as Deputacións de A Coruña e Pontevedra. En canto ao programa de residencias técnicas inclúense nel dúas propostas. Balor na acción dunha cadeira de Roi Fernández (Artesa Cía.), unha peza multidisciplinar que mestura o vídeo documental co vídeo mapping e a interpretación e que se estreará en febreiro de 2015 e Xoga da compañía Entremáns, unha peza que pretende achegar a danza contemporánea aos máis pequenos e que se estreará en marzo de 2015. Valentín Rodríguez, director do teatro, destacou o carácter de servizo público desta iniciativa ‘queremos apoyar al entorno más cercano, éste es un espacio público que le pertenece a los creadores’ e lamentou a falta de apoio recibida por parte doutras institucións coma a AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais).
As entradas pódense adquirir a través da páxina web do teatro www.teatrocolon.es, en www.servinova.com. No quiosco da Praza de Ourense, en horario de luns a venres de 9.30 a 13.00 e de 16.30 a 19.30 e tamén na sede do Centro Sociocultural A Fundación, no Cantón Grande 21/23, de luns a sábado, 9.00 a 21.00 horas. Ademais, no despacho de billetes do propio teatro o mesmo día do espectáculo de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a peche. Os espectadores poden adquirir tamén no despacho de billetes do Teatro Colón a Tarxeta Teatro Colón, un programa de abonados con innumerables vantaxes como descontos nunha trintena de locais comerciais da Zona Obelisco ou no hotel NH Atlántico.











