O suposto verquido laranxa que denuncia o PSOE de Mos é en realidade un sedimento natural

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+

Ante as informacións remitidas ós medios de comunicación polo PSOE de Mos sobre un suposto verquido no Rego da Lagoa, sito no Barrio da Veigadaña; a alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, e a concelleira de Medio Ambiente, Julia Loureiro, pronunciáronse hoxe ó respecto ante o que consideran “unha lamentable e patética actuación máis do grupo socialista”.

Alfonso Parada, voceiro do PSOE mosense, afirma a existencia dun verquido no devandito regato que produce unha cor laranxa na auga e o relaciona coas queixas veciñais sobre algunhas empresas do PEMOS Veigadaña. Sobre este feito as representantes municipais lamentan, en primeiro lugar, que os socialistas non formalizasen denuncia por escrito do que consideraron ser un verquido ilegal e que se limitasen a aproveitar mediáticamente o que podería ser un suceso perxudicial para o seu propio municipio. “Como ven sendo habitual últimamente, o Partido Socialista prioriza a repercusión mediática en prensa antes que poñer solución ós supostos problemas dos que informan públicamente, lles interesa máis o beneficio propio que o ben común para o Concello”, critican Arévalo e Loureiro.

En segundo lugar, rexedora local e concelleira delegada de Medio Ambiente informaron de que onte mesmo (feito do que é perfectamente coñecedor Alfonso Parada polo que non pode acusar á administración local de non actuar ó respecto) o Xefe da Policía Local de Mos persoouse no Rego da Lagoa xunto cun operativo de SEPRONA de Vigo, realizando este último as comprobacións oportunas tras as que se confirmou que o tinte laranxa das augas é debido ó compoñente ferruxinoso do tipo de solo da zona, que desprende óxido que se deposita no río como sedimento. Realidade esta que, segundo confirma o presidente da Asociación de Veciños de Veigadaña, José Manuel Pousada Fernández, son coñecedores a meirande parte dos habitantes do barrio “xa que o pouso laranxa no regato, producido polo óxido que solta o xabre que conforma o terreo do  cauce, leva ahí toda a vida; o recordamos dende moito antes de que existise o Polígono Empresarial”, asegura Pousada, quen insiste ademais en que “os veciños sabemos que non se trata de ningún tipo de verquido e dende a Asociación nunca se nos ocurriría denuncialo”.

Neste sentido Arévalo e Loureiro consideran “moi pouco rigoroso e incluso rastreiro facer afirmacións sobre un verquido que non é tal sen molestarse se quera en comprobar que así era”. Deste xeito as representantes do goberno local recomendan ós socialistas contrastar as súas información para non quedar mal ante a veciñanza mosense.

En definitiva o PSOE de Mos cometeu tres erros catastróficos sobre este tema:

– Non denunciar formalmente o que cría que era un verquido perxudicial.
– Non contrastar as súas deduccións para confirmar se eran certas ou non.
– Dar información falsa (mentir) sobre un verquido que non existe e que pretenderon asociar a alguha das empresas do Polígono da Veigadaña, creando falsas alarmas entre os veciños do municipio, cando o seu labor e obxectivo deberían ser os contrarios.

31 de outubro de 2014 | 19:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.