O Río Natura Monbus xa puxo as entradas á venda para os próximos encontros no Fontes do Sar ante Gipuzkoa Basket e Iberostar Tenerife
O Río Natura Monbus Obradoiro prepárase xa para a segunda xornada de Liga Endesa, con visita ao Herbalife Gran Canaria, pero os afeccionados santiagueses esperan xa os seguintes partidos na casa. O primeiro deles, o próximo 19 de outubro (12:15 horas) ante o Gipuzkoa Basket de Jaume Ponsarnau, e o seguinte, o vindeiro domingo 2 de novembro (13.00 horas) ante o Iberostar Tenerife. Para ambos os encontros están á venda xa as entradas.
O prezo xeral das entradas para calquera das dúas ocasións é de 29 euros en Tribunas Retráctiles, 24 euros en Tribunas 1 e 19 euros en Tribunas 2 e Fondos. Por outra banda, existen prezos reducidos para menores de 18, estudantes menores de 25, maiores de 65 ou desempregados e federados do ámbito do baloncesto. Nestes casos, os prezos son de 19 euros en Tribunas 1 e 15 euros en Tribunas 2 e Fondos.
Tamén lembramos a promoción “Proba&Abónache”, consistente en que quen acuda comprando a súa entrada para un dos dous partidos e posteriormente se abone, recibirá no abono o desconto do prezo da entrada só con presentala.
As entradas poden adquirirse desde xa mesmo a través da páxina web do club (www.obradoirocab.com). Tamén están dispoñibles nas oficinas, situadas no propio Multiusos e con horario de luns a venres, de 10.00 a 14.00 horas ou de 17.00 a 20.00 horas.











