O Rio Natura Monbus Obradoiro logra vencer tras unha remontada épica

Encontro Joventut Obradoiro
O Rio Natura Monbus Obradoiro cultivou unha vitoria de prestixio ante o FIATC Joventut de Salva Maldonado (72-78). Os santiagueses, a pesar dun inicio dubitativo, no que chegaron a ir perdendo ata 16 puntos, non tiraron a toalla e obraron unha remontada épica, para sumar a terceira vitoria da tempada, igualando o mellor inicio de competición da súa historia.
Rompeu o maleficio de Badalona o Obradoiro liderado unha vez máis por Maxi Kleber, xogador máis destacado do encontro con 19 puntos, oito rebotes e 24 de valoración, e a incansable achega de Pumprla, autor de 10 puntos, para 13 de valoración. Polos locais destacou Demond Mallet, con 21 puntos e un destacado 57% en tiros de tres.
O FIATC Joventut comezou o partido eléctrico, facendo realidade os prognósticos de Moncho Fernández na previa do encontro. Os verdinegros estiveron sólidos na parcela defensiva, e axusticiaron ao Obradoiro con tres triplos durante o primeiros cinco minutos (11-4, min. 5). O Rio Natura Monbus non atopou o camiño do aro, a pesar da intensidade de Rafa Luz. Probaron os composteláns novas varianes tácticas, e foi Chagoyen quen atopou premio por primeira vez cun lanzamento afastado. Non serviu como acicate para a reacción galega, pois a “Penya” seguiu sendo mellor, con Sergi Vidal e Albert Miralles destacándose no capítulo anotador, levando a vantaxe até os dez puntos (19-9, min. 8). Tratouse de recompor o combiando santiagués tras o tempo morto, cun parcial de 0-4 liderado por Corbacho e Pumprla, pero o Joventut mantivo un cómodo colchón á conclusión do primeiro período (20-13).
A tónica continuou sendo a mesma no arranque da segunda manga. O Rio Natura Monbus foi incapaz de anotar durante practicamente tres minutos, e o arranque da Penya, cun sobrio 7-0 puxo contra as cordas ao Obradoiro (27-13). De novo tras un tempo morto emerxeu a figura de Alberto Corbacho, co seu primeiro triplo do encontro – e van 50 consecutivos nos que anota polo menos un – para dar vida aos galegos. Tamén Maxi Kleber foi atopando paulatinamente o seu lugar no partido, con 11 puntos na primeira parte, instantes antes de que Álex Barreira volvese castigar ao Obradoiro desde a liña de 6’75. Replicou inmediatamente Haris Giannopoulos, que asinou unha notable primeira metade, pero contestou o explosivo Demond Mallet, cun 3+1 primeiro, e un triplo en contraataque despois, establecendo a máxima diferenza no luminoso (41-25, min. 17). Tirou de orgullo o Rio Natura Monbus, disposto a dar guerra no Olímpic, enlazando un parcial de 0-10 que devolveu a esperanza ao conxunto santiagués.
No terceiro cuarto Maxi Kleber se enfundó a bitola de líder. Sacou a cuarta falta persoal a Álex Suárez e anotou os cinco primeiros puntos para o Rio Natura Monbus, que se chegou a achegar a só dous. Con todo, o traballo de Albert Miralles na pintura, curtíndose na loita polo rebote ofensivo, posibilitou que a Penya volvese abrir brecha. Continuou batallando o equipo obradoirista, que nunca deu o seu brazo a torcer. O labor defensivo dos homes de Moncho Fernández mantívolles en órbita, quedándose a un punto despois do mate á contra do aguerrido Rafa Luz (52-51, min. 26). Polo bando verdinegro, Mallet mantivo o seu labor como verdugo, insistente desde máis aló do 6’75. Non se amedrentou o Rio Natura Monbus Obradoiro, que conseguiu mesmo porse por diante ao final do terceiro cuarto por medio do polaco Waczynski (60-62).
Xa non soltaría o mando do choque conxunto galego, e boa parte da culpa tívoa o alemán Kleber. A á-pivote acrecentou a súa figura cun dobre tapón, primeiro sobre Goran Suton e posteriormente sobre Savané, antes de que os colexiados castigasen con técnica ao FIATC Joventut. Converteu o tiro libre Waczynski e encestó o triplo Pepe Pozas, dando oito puntos de rédito ao conxunto galego (62-70, min. 33). Volveu a pista Mallet e reaccionou o Joventut. Salva Maldonado ordenou axustes en defensa e o Obradoiro perdeu fluidez. Os cataláns, liderados polo acerto da base norteamericano se acrercaron até os catro puntos. No entanto, mantivo a enteireza o Rio Natura Monbus para sumar a terceira vitoria da tempada e romper o maleficio no Palau Olímpic de Badalona.
Íñigo Caínzos – Obradoiro CAB
FIATC Joventut 72: Mallet (21), Vidal (7), Kirksay (9), Suton (3), Savané (6) – quiteto inicial – Llovet (2), Miralles (13), Hannah (5), Ventura (4), Barreira (3) e Suárez (2).
Rio Natura Monbus Obradoiro 78: Rafa Luz (4), Pumprla (10), Waczynski (12), Kleber (19), Triguero (2) – quinteto inicial – Miller (0), Cárdenas (0), Giannopoulos (3), Corbacho (11), Pozas (3), Chagoyen (3) e Nankivil (11).
Árbitros: Pérez Pérez, Sánchez Monserrat, Sánchez Mohedas.
Parciais: 20-13, 23-23, 17-26, 12-16.
Incidencias: Partido correspondente á cuarta xornada da liga Endesa, disputado no Palacio Municipal de Deportes de Badalona, ante 4435 espectadores. Gardouse un minuto de silencio na memoria de José Luís Abós antes do inicio do encontro.











