O PXOM de Mos chega ao seu trámite final
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira mosense de Urbanismo, Julia Loureiro, informaron hoxe dos importantes avances realizados no Plan Xeral de Ordenación Municipal, cuxa aprobación provisional é inminente. A rexedora local anunciou que “o Concello de Mos xa ten constancia da resolución favorable dos tres últimos Informes Sectoriais que estaban pendentes de resolver polas seguintes administracións: Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Dirección Xeral de Aviación Civil e Dirección Xeral de Patrimonio Cultural”. Con estes tres últimos informes sectoriais favorables a Xunta pode emitir xa a memoria ambiental necesaria para a aprobación provisional do PXOM mosense.
“Estamos traballando para poder levar a Pleno próximamente a aprobación provisional do PXOM e atópase rematado o estudio das alegacións ó documento aprobado inicialmente”, explicaron as responsables municipais Arévalo e Loureiro.
O documento para aprobación provisional do Plan foi enviado á consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia que deberá emitir a súa memoria ambiental. Este documento para aprobación provisional remitido á Xunta contén os informes sectoriais e un informe sobre o proceso de participación pública no que se recollen todas as alegacións recibidas e respostadas.
Loureiro detallou neste sentido que, unha vez transcorrido o período de consulta e información pública, o Plan Xeral enviouse o pasado mes de xaneiro á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia, que debe agora remitirlle ó Concello de Mos a memoria ambiental.
A memoria ambiental é elaborada co obxecto de valorar a integración dos aspectos ambientais na proposta do Plan, na que se analizan o proceso de avaliación, o informe de sostenibilidade ambiental e a súa calidade, avalíase o resultado das consultas realizadas e como foron tomadas en consideración, e analízase a previsión dos impactos significativos da aplicación do Plan.
Unha vez recepcionada na administración local mosense dita memoria ambiental, a previsión de aprobación tanto provisional como definitiva do PXOM está fixada no último trimestre do presente ano 2014. E é que a aprobación definitiva chegaría, como máximo, un mes despois da aprobación provisional. Isto é, unha vez cumplidos os trámites anteriormente sinalados, o Pleno do Concello de Mos aprobará provisionalmente o contido do Plan coas modificacións que foran pertinentes e o someterá, co expediente completo debidamente dilixenciado, á Xunta de Galicia que ten que outorgar a aprobación definitiva.
Como xa se dixo, a consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, no prazo dun mes, examinará con carácter previo a integridade documental tanto do proxecto do Plan como do expediente e das actuacións administrativas realizadas, así como a adecuación ás determinacións de memoria ambiental que deban incorporarse ó Plan.
Ante o percorrido da recta final cara á consecución do Plan Xeral de Mos, Arévalo e Loureiro sinten cumprido o compromiso do goberno local mosense de ter aprobado definitivamente o PXOM antes do remate da actual lexislatura.











