O Punto Limpo de Mos recibiu a preto de 2.000 usuarios dende a súa creación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+

Fai preto dun ano e medio inaugurábase o Punto Limpo do PEMOS-Veigadaña. Desde entón o funcionamento do mesmo ven sendo impecable e o seu número de usuarios vai en aumento. A concelleira de Medio Ambiente de Mos, Julia Loureiro, daba hoxe datos do número de veciños que levan feito uso destas instalación ó longo deste case ano e medio de historia e que ascende a preto de 2.000. E é que o Punto Limpo mosense conta cunha media de 25 usuarios á semana, que veñen sendo 100 persoas que, cada mes, depositan desperdicios neste centro de recollida e xestión de residuos non ordinarios.

Loureiro explicou ademais que os desfeitos máis abundantes que recibe o Punto Limpo son electrodomésticos, colchóns e restos vexetais de podas ou desbroces. O horario de apertura destas instalacións sitas no polígono da Veigadaña é todos os martes e xoves de 10.00 horas a 14.00 horas e de 16.30 horas a 20.30 horas, e os sábados de 10.00 horas a 14.00 horas.

Neste sentido a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira mosense de Medio Ambiente, Julia Loureiro, aclaraban tamén hoxe a realidade sobre unha nota de prensa enviada polo BNG ós medios de comunicación relativa ó estado do Punto Limpo que se atopa instalado no Parque Empresarial Mos-Veigadaña.

En primeiro lugar as representantes municipais quixeron denunciar a “mentira descarada” dos nacionalistas que afirman que a luz destas instalacións leva cortada dende o pasado mes de maio. Afirmación que tanto Arévalo como Loureiro catalogan de “rotundamente falsa”.

En segundo lugar, as dirixentes membros do equipo de goberno local apuntaron que, lamentablemente, na sociedade actual os roubos están á orde do día e, por desgracia, pode tocarlle tanto a un veciño particular como ó Punto Limpo ou a calquera dos demais edificios municipais. Julia Loureiro explicou que estas instalacións son especialmente atractivas para os delincuentes que se adican á venda de cobre e chatarra.

Por último a edil puntualizou que se fixo o pedido dunha nova porta para substituir á porta roubada o mesmo día no que se produciu o suceso, e que se instalará en canto o proveedor a sirva.

As representantes municipais sentenciaron que o protocolo que seguiu ó roubo do Punto Limpo foi impecable dando todos os pasos pertinentes que, ó mesmo tempo, deben seguir unha orde.

31 de outubro de 2014 | 19:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.