O Premio Luís Freire de Investigación Científica na Escola incluirá a Investigación Tecnolóxica
O Concello, a través da Concellaría de Cultura que dirixe Ana Fernández, informa da convocatoria do XVI Premio Luís Freire de Investigación Científica na Escola que se renova con motivo do 100 aniversario do nacemento do botánico galego do que toma nome.
Así, este ano convócase, por primeira vez, a modalidade de Investigación Tecnolóxica dirixida a alumnos de Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato e Ciclos Formativos aos que se convida a presentar ideas para desenvolver un proxecto de investigación tecnolóxica que teña relación con feitos ou procesos da vida cotiá e a contorna máis próxima.
A modalidade de Investigación Científica en Educación Primaria, convocada o pasado curso por primeira vez, está dirixida neste caso a profesores de Primaria que poden presentar proxectos de investigación desenvolvidos na aula cos seus alumnos. E, finalmente, convócase a modalidade de Investigación Científica en Educación Secundaria que, desde fai 16 anos, propón aos alumnos presentar preguntas ás que deben dar resposta mediante a experimentación ou o traballo de campo.
A iniciativa ten como principal obxectivo o de fomentar o interese pola ciencia e a formación en actitudes científicas e premia aos participantes que se distinguen pola orixinalidade e o rigor das súas investigacións e proxectos e que demostren sentido crítico, curiosidade e constancia.
Os escolares e profesores que desexen participar teñen até o próximo 31 de outubro para enviar as súas propostas. Posteriormente, os admitidos terán 3 meses para desenvolver os seus traballos. A fase final terá lugar na Domus o 28 de febreiro de 2015 e a ela concorrerán o tres mellores traballos seleccionados en cada modalidade. Nesta ocasión, tamén se renovaron os premios de maneira que os gañadores asistirán a feiras científicas como Galiciencia, en Ourense, ou a Exporecerca Jove de Barcelona.
O XVI Premio Luís Freire de Investigación Científica para Escolares está convocado polo Concello da Coruña a través dos Museos Científicos Coruñeses, en colaboración coa Asociación de Amigos da Casa das Ciencias e a Fundación Barrié, a través da súa iniciativa educativa educaBarrié.











