O premio a Mellor Emprendedor reúne tanto a candidatos con proxectos tradicionais como plataformas online
Na súa novena edición, ao Premio Xoven Emprendedor e Xoven Empresario do ano convocado por AJE-Vigo, presentáronse candidaturas que van desde a elaboración e cría de produtos tradicionais ata proxectos cun marcado compoñente tecnolóxico, pasando por empresas de servizos ou orixinais propostas en restauración. A Xoven Emprendedor foron once os candidatos presentados e a Xoven Empresario, catorce proxectos.
Ademais dun recoñecemento público ao labor emprendedor e empresarial dos mozos como fórmula para mellorar a sociedade galega, estes premios son tamén un interesante foro de debate que mide o grao de emprendemento desenvolvido en Galicia, ademais de propiciar o intercambio de ideas empresariais entre os mozos e incentivar novos proxectos e ideas.
A convocatoria, ademais das dúas categorías principais, o 9º Premio Xoven Emprendedor e o 9º Premio Xoven Empresario, conta con tres accésit que valorarán aqueles proxectos que destaquen pola súa innovación, a súa calidade ou por destacar en RSE (Responsabilidade Social Empresarial).
A Asociación de Xóvenes Empresarios, AJE-Vigo, entregará os seus premios Xoven Emprendedor e Xoven Empresario o próximo 6 de novembro nun evento que se celebrará no Hotel Cidade de Vigo.
Os premios
Premio Xoven Emprendedor: máster en Estratexia dixital, mercadotecnia online e comunicación 2.0 (600 horas entre presenciais e online), achegado por IFFE Business School, entidade internacional de formación de posgrao en management e xestión.
Premio Xoven Empresario: 2.500 euros achegados por ABANCA.
Concederanse tamén 3 accésits, de innovación, calidade e RSE.











