O PP alcanza 11 acordos coa oposición, só un co PSOE e sete co Grupo Mixto

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia-
A-
A+

As negociacións no marco do Debate do Estado sobre a Autonomía saldáronse con once textos pactados cos grupos da oposición, aínda que haberá que esperar a este xoves para coñecer o número de votacións conxuntas que leven a cabo no hemiciclo en asuntos como a corrupción, en que PP e PSOE tamén poderían coincidir sobre unha das propostas presentadas polos populares.

   Froito das conversacións, para as que se apuraron até os últimos minutos da noite (o prazo acababa ás 22,30 horas), nos que non faltaron carreiras polos corredores do Pazo do Hórreo para chegar a tempo, os populares transaccionaron co PSOE un único texto, referido á introdución de cláusulas sociais na contratación pública.

   O grupo co que alcanzou un maior número de pactos foi co Mixto, cuxa única deputada é Carmen Iglesias (que se presentou nas listas electorais con AGE).

   Así, aprobaranse acordos relativos a “seguir impulsando medidas para evitar o continuo incremento sobre os prezos dos carburantes en Galicia”. Así mesmo, o Parlamento de Galicia pide que a Xunta esixa “rectificación inmediata” a todos os cargos públicos que fagan declaracións con contidos “sexistas, xenófobos ou homófobos” e que, no caso de non producirse, procédase ao cesamento”.

   Outro acordo virou ao redor da necesidade de “seguir desenvolvendo campañas de promoción de hábitos de vida saudable” e, singularmente, unha de “prevención e información dos trastornos alimentarios entre as persoas adolescentes, púberes e na primeira mocidade”.

TAXAS XUDICIAIS

   Carmen Iglesias tamén pactou co PP que se demande ao Goberno central a modificación da lei de taxas, de forma que quede asegurada a “proporcionalidade da contía coa materia de litixio”. “Garantindo así a tutela xudicial efectiva de todos os cidadáns”, apostila.

   Sen saír da materia xudicial, Mixto e PP pactaron instar a que se siga provendo de orzamentos o sistema xudicial “co obxectivo de realizar unha mellora integral, dotándoo dos recursos necesarios para a súa eficiencia”.

LISTAS DE ESPERA E POBREZA INFANTIL

   No ámbito sanitario, ambos os grupos acordaron que os pacientes do Sergas “poidan acceder á información sobre a súa demora na lista de espera, así como á previsión da data da súa atención”.

   Finalmente, o Parlamento instará á Xunta a incluír na estratexia de inclusión social un apartado específico de loita contra a pobreza infantil que concrete as actuacións a desenvolver polas diferentes administracións públicas de Galicia, para “facer efectivos os dereitos dos menores con especial incidencia naqueles que se atopan en situación de risco de pobreza”.

CO BNG, PACTAN CAIXAS

   Co BNG, o Grupo Popular ha pactado unha transacción na que se comprometen a dar “continuidade” á comisión de investigación das caixas para analizar a nova documentación remitida á Cámara e que desvelaría supostas irregularidades sobre operacións inmobiliarias do exdirector de Caixa Galicia, José Luís Méndez.

   Ademais, tamén transaccionaron unha proposta na que se insta a combater a fraude fiscal.

   Con todo, non houbo acordo nunha oferta que lle fixo o BNG ao PP para condenar o “terrorismo e a violencia” con fins políticos coa referencia concreta ao ocorrido en Baralla, tendo en conta que os populares propoñen unha condena expresa a Resistencia Galega, referencia que os nacionalistas eliminaran do seu texto.

CON AGE, SOBRE XUSTIZA

   Doutra banda, e á marxe das dúas iniciativas que o PP aprobará de AGE no seu texto orixinal (sobre desenvolvemento rural e subida de salarios), ambos os grupos pactaron unha iniciativa para que a Xunta comprometa no seu orzamento as partidas para desenvolver a nova oficina xudicial e fiscal, o expediente electrónico e as tarefas de arquivo e expurgo.

9 de outubro de 2014 | 10:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.