O Plan RUA actuará en máis dun millón de metros cadrados na súa quinta fase

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O concelleiro de Medio Ambiente, Enrique Salvador, e a concelleira de Barrio, Mariel Padín, fixeron esta mañá balance do Plan RUA 2014 que o 15 de setembro arrincou a súa quinta fase nos barrios de O Castrillón, Monelos, Eirís – Pedralonga e Os Castros. “Estamos orgullosos dun programa que xa se consolidou grazas á participación dos veciños e cuxo principal obxectivo é o de manter e incrementar os estándares de calidade dos espazos públicos da cidade”, explicou Enrique Salvador.

No que vai deste ano o Plan chegou a 695 rúas e prazas da cidade actuando sobre un total 1.207.924 metros cadrados. En total, este ano reparáronse 451 colectores e instaláronse 134 novos. Tamén se realizou a limpeza de 38.000 metros de rede de sumidoiros e o punto limpo móbil recolleu 4.284 pilas e outros 2.345 residuos. “Realizáronse labores de mantemento en 27 parques infantís, realizáronse 539 actuacións de iluminación pública e detectáronse 45 vehículos abandonados”, destacou o concelleiro de Medio Ambiente.

Enrique Salvador explicou que a quinta fase estenderase durante o mes de outubro aos barrios de Labañou (desde o sábado 18 e até o día 27) e Riazor (do 28 ao 31), sendo unha superficie de 89.125 metros cadrados nun total de 56 rúas e prazas. A sexta, e última fase do plan, prolongarase durante os meses de novembro e decembro coa seguinte planificación:

– O Ventorrillo: do 3 ao 10 de novembro.
– 1ª Fase de Elviña: do 11 ao 18 de novembro.
– Paseo das Pontes: do 19 ao 22 de novembro.
– Santa Margarita: do 21 de novembro ao 1 de decembro.
– Valaire: do 2 ao 5 de decembro.
– Catro Camiños: do 9 ao 18 de decembro.
– O Birloque: do 19 ao 24 de decembro.
– Adormideras: do 29 ao 31 de decembro.

“O obxectivo do Goberno local segue sendo o mesmo: conseguir unha cidade máis limpa, ordenada e sustentable”, destacou Enrique Salvador, quen lembrou que este plan integral de renovación urbana chega a todos os barrios da cidade polo menos unha vez ao ano.

Pola súa banda, Mariel Padín lembrou que se continúa co plan de comunicación e concienciación ambiental nos barrios con talleres infantís e charlas infantís co obxectivo de fomentar a educación ambiental, as bases da reciclaxe e xerar hábitos que no futuro sexan parte da súa vida cotiá. “A iniciativa contou cunha acollida excepcional. De feito, durante o ano 2013 realizáronse infinidade de actividades en 9 centros cívicos e centros escolares, realizándose máis de 80 talleres e chegando a máis de 1.700 nenas e nenos”, destacou Padín, quen explicou que este mes os talleres chegarán aos centros cívicos de Labañou (mañá, martes 21 de outubro), San Diego (22) e Os Rosales (venres 24); e ao CPR Escravas, o día 27. En novembro continúan os talleres en Escravas, os días 5 e 6, e realizaranse talleres infantís nos centros cívicos de Os Rosales (día 7), San Diego (12) e Novoboandanza (14), que tamén acollerá unha charla de adultos o día 17.

“Dentro destes talleres infantís desenvólvense distintas actividades lúdicas para mostrar, de forma didáctica, a importancia de manter unha cidade limpa e coidada, fomentando a educación ambiental así como as bases da reciclaxe de residuos sólidos urbanos”, explicou a concelleira, quen concluíu: “Destaca por exemplo o xogo do RUA, no que se reforzan os coñecementos e a importancia da reciclaxe. Un xogo no que os nenos terán que contestar preguntas ou adivinanzas e superar probas baseadas na separación de residuos para así chegar á última casa”.

Os interesados en participar nos talleres de concienciación poden inscribirse nos centros cívicos ou a través das redes sociais do Plan RUA (Facebook e Twitter) ou na propia páxina web do Plan (www.planrua.es).

20 de outubro de 2014 | 13:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.