O plan Coruña Emprega pon en marcha dous novos cursos con prácticas en empresas e índices de inserción laboral do 60%
O Concello, a través da Concellaría de Emprego e Empresa que dirixe Luisa Cid, porá en marcha dous novos cursos do programa Rede Coruña Emprega II, un proxecto cofinanciado nun 80% polo Fondo Social Europeo que inclúe formación teórica e práctica en empresas e cuxo obxectivo é facilitar a inserción laboral das persoas que teñen máis dificultades para atopar un traballo, como mozos, persoas con discapacidade e parados de longa duración.
Os talleres comezarán o 29 de outubro e o 3 de novembro, respectivamente, e consisten na posta en marcha de dous itinerarios de Actividades Auxiliares de Comercio con 15 alumnos por curso (un total de 30) e unha duración final de 780 horas formativas, 390 por curso, das cales 80 horas son prácticas en empresas.
A diferenza doutros plans formativos, Rede Coruña Emprega incorpora accións e metodoloxías innovadoras mediante unha análise exhaustiva do mercado laboral, estudos que realizan os técnicos municipais antes de elaborar os denominados Itinerarios Integrados de Inserción coas seguintes temáticas e niveis de inserción laboral:
– Atención sociosanitaria, cun índice de inserción laboral do 78,5%.
– Auxiliares de almacén (40%).
– Limpeza de superficies e mobiliario en edificios e locais (58%).
– Auxiliar de comercio, onde se alcanza un nivel medio de inserción do 60%.
Para pór en marcha estas accións asináronse un total de 107 convenios de colaboración con empresas para a realización de prácticas.
703 ENTREVISTAS NO QUE VAI DE ANO
Os datos do Centro Municipal de Emprego relativos a Rede Coruña Emprega revelan que entre 2013 e setembro de 2014 entrevistouse a 1.521 desempregados -703 entre xaneiro e setembro de 2014-, ofrecéndolles orientación laboral e tutorías individualizadas en todos os casos. Durante o mesmo período desenvolvéronse 19 itinerarios de inserción nos que participaron 315 alumnos, o que supuxo 4.465 horas de formación e 1.840 prácticas en empresas. O 96% dos alumnos finalizaron o itinerario con éxito.
“Reforzar a formación dos desempregados é fundamental para a súa incorporación ao mercado de traballo, un mercado cada vez máis competitivo”, explica a tenente de alcalde de Emprego e Empresa, Luisa Cid, que lembra que o Concello porá en marcha até finais de ano outro tres itinerarios de inserción no marco do programa Rede Coruña Emprega. Cid destaca a implicación do sector empresarial cun total de 150 empresas colaborando no programa. Tamén se realizaron, entre 2103 e setembro de 2014, un total de 27 accións de formación complementaria en orientación laboral e formación en competencias crave para o acceso a certificados de profesionalidade.











