O Outono Fotográfico regresa aos centros socioculturais de Compostela

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+

A Concellería de Centros Socioculturais colabora un ano máis co Outono Fotográfico en Santiago de Compostela. O festival, promovido pola Fundación Benito Losada, cumpre a súa XXXII edición, con presenza nos locais socioculturais da cidade ata finais deste 2014. A concelleira de Centros Socioculturais, María Antón, e o director do certame, Xosé Lois Vázquez, presentaron a parte do programa a desenvolver en Compostela do Outono Fotográfico, o festival galego da fotografía. Ademais das exposicións previstas en diversos centros socioculturais, realizaranse obradoiros de iniciación á fotografía dixital, retoque fotográfico e fotografía creativa.

O OF organiza exposicións e programas en espazos expositivos como galerías de arte, espazos de exposicións institucionais, centros de ensino, casas de concellos, de xuventude e de cultura, lugares públicos, cafeterías. Componse de tres seccións: a Sección Oficial, na que o Festival convida a autores/as e curadores/as; o Outono Aberto, onde se seleccionan traballos de amadores/as; e Historias da Fotografía Galega, para a recuperación do traballo de fotógrafos/as galegos xa falecidos/as.

Coa intención de facer visible o traballo dos artistas novos en torno á fotografía, o Concello de Santiago, a través da Rede de Centros Socioculturais, colabora facilitando nesta edición diversas salas para a exposición de varios traballos artísticos nos centros socioculturais da Trisca, As Fontiñas, O Castiñeiriño, A Rocha, O Ensanche, Conxo e Vite, ademais da Casa das Asociacións de Cornes. O Outono Fotográfico tamén chega a outros espazos da cidade como a Galería Sargadelos ou o Centro Cultural Afundación.

As sete exposicións presentes nos centro socioculturais, do 5 ao 30 de novembro serán as seguintes:

Miolos, de Álvaro Estévez, no CSC da Trisca.
Pamantesti (das terras), de Natasha Lelenco.
Lovers, de Sareh Sangsari, no CSC Agustín Bueno do Castiñeiriño.
Outra realidade, de Ana Iglesias, no CSCXM do Ensanche.
Postais dende un pobo embargado, de Martiño Pinal, na Casa das Asociacións de Cornes.
Entropindia, de Francisco J. Núñez Zamora, no CSC José Saramago de Vite.
Paseando por Málaga, de Francisco Menjivar, no CSC Aurelio Aguirre de Conxo.

A estas mostras hai que sumar a titulada As fotografías máis antigas de Galicia. Dezanove imaxes de Santiago e unha de Ferrol datadas en 1858 son expostas ao público por primeira vez primeira todas xuntas grazas ao proxecto de rescate fotográfico emprendido por Alvarellos Editora e comisariado polo editor e xornalista Henrique Alvarellos. O autor das imaxes, Andrés Cisneros é todo un precursor da fotografía galega e española.

Esta é unha exposición itinerante que xa estivo no CSC das Fontiñas e que ata o 14 de novembro permanecerá no CSC da Rocha. Logo, do 5 ao 29 de decembro, estará no CSCXM do Ensanche e, do 13 ao 30 de xaneiro de 2015, no CSC de Conxo.

A oferta de exhibicións fotográficas complétase en Compostela con outras tres mostras: Devolta – Arrefeceu a cor dos teus cabelos, de Lara Jacino, do 5 ao 29 de novembro na Galería Sargadelos; Finis Terre, de Marta Moreiras, tamén na Galería Sargadelos, do 4 de decembro ao 5 de xaneiro; e Posesións para un esquecimento, de Daniel Díaz Trigo, I Premio Galicia de Fotografía Contemporánea, que estará no Centro Cultural Afundación do 2 ao 28 de marzo de 2015.

Obradoiros

O Outono Fotográfico tamén programou varios obradoiros, entre eles un de iniciación á fotografía, que se celebrará no Local Sociocultural da Pontepedriña os días 7, 14, 21 e 28 de novembro. Haberá dúas quendas: unha pola mañá, en horario de 10:30 a 13:30 horas, e outra pola tarde, de 17:00 a 20:00 horas. Os talleres serán impartidos por Víctor Barro e o prezo é de 35 euros. As inscricións poden realizarse a través do teléfono 659 655 734 ou da dirección de correo victor.barro@fotosconletra.com.

Outro dos obradoiros centrarase no retoque fotográfico con Lightroom. Neste caso, o taller realizarase no CSC de Conxo os sábados 8 e 15 de novembro de 9:00 a 14:00 horas.

O programa formativo inclúe finalmente un obradoiro de fotografía creativa os días 3, 10, 12 e 17 de decembro, de 17:00 a 20:00 horas, no LSC da Pontepedriña. Tanto este taller como o de retoque teñen o mesmo prezo, 35 euros, e a forma de inscrición é tamén a mesma.

27 de outubro de 2014 | 19:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.