O Museo de Pontevedra acollerá unha xornada sobre a faceta artística de Castelao

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraPontevedra
A-
A+

O Museo de Pontevedra acolle mañá, no Sexto Edificio, unha xornada sobre o perfil artístico de Castelao, no marco do ciclo “Castelao. De Onte a Hoxe”, que organizan a Deputación, a Real Academia Galega e o Concello de Rianxo para conmemorar o octoxésimo aniversario do ingreso do autor na Real Academia Galega.

As xornadas organízanse en tres apartados: un no que se aborda a faceta política do autor, outra no que se analiza a súa obra literaria e unha terceira centrada na figura de Castelao como artista.

Cada unha destas desenvólvese nunha das tres institucións organizadoras do evento, concretamente na que máis relacionada está co aspecto que se vai tratar.

O Museo de Pontevedra –no que se conserva, difunde e expón boa parte da obra deste rianxeiro universal– foi o lugar elixido para analizar o percorrido artístico de Castelao.

Estes actos, de entrada libre e gratuíta, comezarán ás 19:00 h cunha visita guiada ás salas Castelao, situadas no segundo andar do Sexto Edificio, e continuarán no salón de actos, ás 20:00 h, cunha mesa redonda que moderará o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, e na que participarán Miguel Anxo Seixas, Xosé Díaz e o director do Museo, Carlos Valle.

O 30 de outubro terá lugar, na sede da Real Academia Galega, a xornada dedicada á faceta literaria de Castelao. O perfil biográfico e político abordouse o 16 deste mes en Rianxo.

20 de outubro de 2014 | 17:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.