O mundo micolóxico chega ao derradeiro Mercado do mes de outubro en Monforte
Os Mercados de Monforte volverán abrir as súas portas esta fin de semana, días 25 e 26 de outubro, para acoller unha Exposición Micolóxica.
A zona central da Praza de Abastos non será nesta ocasión un lugar de venda de produtos, senón un espazo para coñecer os cogomelos comestibles e tóxicos dos bosques da Ribeira Sacra, todos eles perfectamente identificados e clasificados.
Trátase dunha boa oportunidade para introducirse no apaixonante mundo dos cogomelos ou para ampliar coñecementos sobre micoloxía. Tamén se poderán degustar diferentes preparacións de cogomelos nun stand situado a carón da exposición e no espazo gastronómico “Picota”.
A exposición abrirá o sábado de 10:30 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas, mentres que o domingo farao só en horario matinal, de 10:30 a 14:00 horas. Durante as dúas xornadas a exposición contará coa presenza de integrantes da asociación micolóxica “Os Lactouros”, que ofrecerán cumprida información sobre as diferentes especies de cogomelos a todas aquelas persoas que llo soliciten.
Este Mercado está organizado polo Concello de Monforte e conta co patrocinio da Área de Turismo da Deputación de Lugo e coa colaboración da Asociación Micolóxica Os Lactouros.











